Unha sentenza ampara a decisión do Concello de convocar un novo concurso da ORA

O Alcalde, José López Orozco, amosou hoxe a súa satisfacción pola sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 que lle dá a razón ao Concello de Lugo na decisión do Goberno local de convocar un novo concurso para adxudicar a xestión da ORA.

A sentenza que ampara a decisión do Concello resolve a favor das teses defendidas pola administración municipal un recurso que interpuxera a empresa Doal. O Alcalde expresou a súa satisfacción polo fallo xudicial,  ao tempo que destacou que a resolución do Xulgado do Contencioso “demostra que fixemos ben as cousas”.

López Orozco avanzou que a súa intención é consultar os próximos pasos cos grupos políticos da oposición, se ben adiantou que a súa proposta é agardar ás eleccións municipais do 24 de maio, para que sexa a nova Corporación a que elabore a nova Ordenanza de Regulación do Aparcamento e, conforme a ela, redacte o novo prego para convocar a xestión deste servizo municipal.

O Alcalde destacou que o novo concurso será unha oportunidade para modernizar o sistema de regulación do aparcamento e introducir modificacións na xestión, aproveitando as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías pero tamén salientou que a regulación dos aparcamentos en superficie é unha medida de aplicación xeralizada en todas as cidades, tanto de España como de Europa e o resto do mundo, porque se fai necesario regular dalgún xeito o estacionamento de vehículos.

Tamén destacou López Orozco que, para facer máis humanas as cidades, as medidas de regulación do aparcamento deben ir parellas coa aposta pola reducción do tráfico para que as persoas gañen espazos urbanos.

Por outra parte, o Alcalde reiterou o apoio do Concello a todas as iniciativas cidadás en apoio da creación do servizo da Hemodinámica 24 horas no HULA, incluída a que se propón encher Lugo de bandeiras e pancartas con esta reivindicación dirixida á Xunta.

Doutra banda, o alcalde reuniuse hoxe co Secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoan Vázquez Mao, co que tratou sobre os proxectos de futuro con especial interese para Lugo da entidade que agrupa a 38 concellos de Galicia e o Norte de Portugal.

O Alcalde salientou a oportunidade que supón o Eixo Atlántico como plataforma para que as cidades de Galicia e o Norte de Portugal traballen coordinadamente e salvar así o hándicap que supón estar situados na periferia de Europa. López Orozco tamén lle agradeceu ao Secretario do Eixo Atlántico a información facilitada sobre proxectos europeos como o chamado Horizonte 2020. Neste sentido, o Alcalde informou de que na xuntanza abordouse a posibilidade de optar, coa axuda que suporía contar co Eixo Atlántico como intermediario, ás novas convocatorias de fondos.

Pola súa parte, Vázquez Mao deu conta de que o Eixo quere facilitarlles aos concellos que poidan acudir á convocatoria de fondos do Horizonte 2020, que están vinculados á investigación, en asociación con centros tecnolóxicos e salientou que, deste xeito, poden obterse axudas europeas para financiamento de proxectos en materia de mobilidade, terceira idade ou novas tecnoloxías aplicadas ao turismo. A este respecto, indicou que Lugo xunto con A Coruña está sendo un dos referentes polo seu traballo en proxectos como o Smart City. Explicou tamén que na xuntanza de hoxe perfilouse un proxecto, que se levaría a cabo con fondos do Eixo Atlántico, para realizar un estudo sobre mobilidade no término municipal de Lugo e os concellos lindeiros.

Por último, o Secretario do Eixo Atlántico avanzou a proposta de traer a Lugo, en colaboración coa Deputación provincial, os Xogos do Eixo Atlántico correspondentes á edición de 2017. Vázquez Mao destacou que éste é un evento dunha semana que move a 2.000 persoas, sen contar aos familiares, coa conseguinte repercusión para o sector hostaleiro, e salientou tamén o efecto que ten para o turismo pola importancia que supón a difusión da imaxe da cidade que acolle o Xogos.

Vázquez Mao destacou tamén, en materia turística, a colaboración iniciada o ano pasado, no marco do Eixo Atlántico, por Lugo e Braga aproveitando o pasado romano das dúas cidades que permitiu ampliar a difusión da festa do Arde Lucus na rexión norte de Portugal.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com