A ONCE dedica o cupón do xoves 10 de setembro de 2015 a Lugo, dentro da serie “A túa cidade nunha moeda”, unha
colección de cupóns que é froito do acordo asinado entre a ONCE e a Real Fábrica de La Moneda. Cinco millóns e medio de cupóns da ONCE levarán por toda España o cupón coa moeda dedicada a Lugo, na que no anverso está acuñado o escudo da cidade e no reverso aparecen a Muralla Romana e a Catedral.
O cupón foi presentado este mediodía en Lugo polo delegado territorial da ONCE, Manuel Martínez Pan, e o presidente do Consello Territorial de ONCE-Galicia, Carlos Fernández, que fixeron entrega dunha copia enmarcada deste á alcaldesa da
cidade, Lara Méndez López, nun acto celebrado no Salón de Plenos do Concello, ao que tamén asistiu o director de ONCE en Lugo,Roberto Doval, e varios edís da corporación lucense.
Esta serie consta de 52 cupóns que se emiten de luns a xoves e finalizará en marzo de 2016. Mostra cada unha das moedas fotografadas no seu anverso e reverso, co escudo de cada cidade e monumentos destacados de cada unha delas, polo que constitúe unha serie de cupóns moi atractiva para coleccionistas. Este cupón fai o número 12 dos dedicados especificamente á cidade de Lugo, as súas tradicións, as súas institucións e as súas xentes, dende que a finais dos anos noventa do século XX, a ONCE introduciu ilustracións no cupón.
Previamente á presentación do cupón, os representantes da ONCE en Galicia mantiveron un encontro coa alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, no seu despacho. En esta primeira vez que se reuniron tras a chegada de Lara Méndezao Concello, os representantes da ONCE expuxéronlle o traballo que tanto no ámbito do xogo como no da prestación de servizos sociais a afiliados desenvolve a ONCE en Lugo, que é sede provincial da organización.
Os directivos da ONCE fixeron especial fincapé en solicitar a colaboración do Concello na loita contra o xogo ilegal e, máis concretamente, contra a OID (Organización Impulsora do Discapacitado), asociación que comercializa boletos ilegais, utiliza os números dos sorteos da ONCE e cuxas accións fraudulentas chegan a confundir o cidadán común e prexudica gravemente os intereses das persoas con minusvalidez de toda España. O delegado territorial da ONCE fixo saber a alcaldesa que a OID abriu recentemente unha oficina en Lugo, e segue vendendo boletos ilegais que simulan o cupón.
Tamén lle informaron das mobilizacións que se están a levar a cabo nos últimos meses en todo o territorio español por parte do CERMI estatal e os distintos CERMIS autonómicos, así como polos propios traballadores da ONCE e doutras
organizacións beneficiarias do cupón da ONCE, para pedir ás distintas administracións que incrementen as accións contra ese xogo ilegal, que xa foi penalizado por varias sentenzas xudiciais.