Unha trintena de librarías, editoriais e discográficas participarán na quinta edición da Feira do Libro e Disco en Galego de Monterroso, organizada pola asociación cultural 25 Xastres coa colaboración da área de Cultura da Deputación de Lugo.
A feira, que se celebrará o vindeiro 14 de marzo, presentouse esta tarde no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, onde se detallou a programación que se desenvolverá en paralelo á feira, con varios concertos, contacontos e presentacións literarias e musicais.
“É un evento pensado para un público familiar, para que a xente pase toda a xornada en Monterroso disfrutando das distintas actividades”, sinalou o voceiro de 25 Xastres, Sergio Alba.
Entre as pensadas para o público máis pequeno, un contacontos ilustrado arredor da figura de Carbalho Calero a cargo de Lela Edicións e outro baseado no libro O cociñeiro Martiño de Iago López ou os concertos de Magín Blanco (A nena e o grilo, máis aló), Mamá Cabra (A fraga do meu avó) e Paco Nogueiras (Radio Bulebule) son algunhas das actividades
Ademais, a feira acollerá as presentacións musicais dos álbumes Na harmónica con Xico de Carinho e Alba María, Contrapunto das Tanxugueiras, A luz prendida de MJ Pérez ou Ala de Oîma.
Manuel Rivas, que recitará poemas de A boca da terra e asinará exemplares de Vivir sen permiso, e outras historias do Oeste, ou Arantza Portabales, que presentará Beleza Vemella, son algúns dos autores que pasarán pola feira.
A vicepresidenta da Deputación agradeceu “o traballo que desenvolven os colectivos culturais que temos espallados polo país, sobre todo no rural, onde exercen unha labor de dinamización fundamental” e valorou especialmente a súa labor “en favor do idioma propio”. A área de Cultura apoia a organización da feira cunha achega de 4.000 euros.