Unha vintena de establecementos da provincia participan nos “Outonos Gastronómicos en Turismo Rural”

A Consellería de Cultura e Turismo pon en marcha unha nova edición do programa “Outono Gastronómico en Turismo Rural” na que unha vintena de establecementos da provincia  convidan a gozar da gastronomía galega presentando cada un deles dous menús diferentes elaborados cos mellores produtos da tempada.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, achegouse ata a praza do Seminario da capital luguesa na que se instalou o autobús itinerante que promociona a edición 2019 deste programa, que se desenvolverá entre o 13 de setembro e o 15 de decembro, en toda a Comunidade.

Entre as principais novidades deste ano, ademais do aumento no número de establecementos participantes, que chegan ata os 20 no que respecta á provincia de Lugo, está a posta en marcha dunha oferta “Outono Plus” que é a máis completa, e ademais da posibilidade de degustar da mellor gastronomía e aloxamento, ofrece actividades complementarias tales como paseos a cabalo ou por espazos de interese cultural e ambiental, rutas de sendeirismo, visitas a adegas con catas de viño, ou gozar dunha actividade de escape room.

As casas de turismo rural de Galicia adheridas á promoción ofrecen distintas posibilidades, con prezos que van desde os 30 e ata os 300 euros, en función do número de persoas participantes, das actividades contratadas e da modalidade escollida.

Cada unha das casas rurais ofrecerá dous menús distintos, exclusivamente concibidos para esta ocasión. Ademais do “Menú Outono Gastronómico” —que inclúe a oferta gastronómica sen aloxamento— tamén ofrece a posibilidade de adquirir o “Paquete Outono Gastronómico” —que permite degustar o Menú Outono Gastronómico e durmir na casa de turismo rural elixida—, ou gozar da oferta completa coa “Fin de Semana Outono Gastronómico”. Se a opción escollida é compartir coa familia a fin de semana, ponse en marcha a oferta “Fin de Semana Familiar Outono Gastronómico” (1 ou 2 nenos).

As ofertas descritas son válidas para os venres, sábados e domingos, agás as fins de semana das pontes (11 ao 13 de outubro, do 1 ao 3 de novembro e do 6 ao 8 de decembro).

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com