Recentemente o HULA, foi escenario dunha celebración parafernálica do X Aniversario da inauguración do HULA e como manifestaron Feijoo e o “Xerente” da Eoxi, Lugo ten un gran Hospital, pero nunha situación infra dotacional, xa que a pesar das demandas realizadas por esta Federación Provincial de Asociacións de Veciños “ Lucus Augusti” da provincia de Lugo e a Plataforma en Defensa da Sanidade e as Especialidades do Hula, aínda non dispoñemos dunha UNIDADE DE ICTUS, cando o Hospital debe de atender ao redor de 1000 pacientes con esta doenza ao ano, dos cales segundo a Sociedade Española de Neurocirugía indica que un 15 % pode falecer e o 30 % queda en situación de dependencia funcional. Como lle explican estes responsables isto de forma especial aos familiares dalgún falecido ou con ese tipo de secuelas, por falta de servizos?
Este acto lévanos igualmente a criticar a presenza nel de ASPERXO MOSQUERA, ExConselleira de Sanidade, que ostenta o distintivo de PERSOA NON GRATA na provincia de Lugo e de Pilar Farjas outra Exconselleira. Quen tivo a ousadía de convidarlles? Ninguén se acordou, porque non son políticos, que os verdadeiros actores neste Hospital, son as cidadás e cidadáns de Lugo, que coas súas mobilizacións obtiveron os maiores logros dotacionais e para os que só tivo un recordo a Alcaldesa de Lugo Lara Méndez.
Iso lévanos a solicitar a implantación no HULA dunha unidade completa de ICTUS, que a pesar das manifestacións do Xerente da Eoxi de Lugo dicindo que o noso hospital ten unha unidade de Ictus, iso non é verdadeiro e supón unha manipulación da realidade, algo inadmisible nun funcionario público.
Lugo sofre ao redor de 1000 incidencias por ICTUS ao ano, que na situación actual nose pode tratar como corresponde en dereito aos pacientes, cun tratamento inmediato e ao máis alto nivel, xa que o HULA carece de Neuroradiologo de garda, Neuropsicólogo, Logopeda, Fisioterapia adecuada ao Ictus, Rehabilitación adecuada á doenza, Monitoraxe Neurologica, técnicas de recuperación da deglución correcta, terapia ocupacional, unidade especializada con camas e persoal de enfermería especifico para a atención ao Ictus, etc.
Por iso reivindicamos para Lugo e o seu Hospital como equipamento de mínimos para a Unidade de Ictus:
1 Neurólogo de garda 24 horas día, con presenza física no Hula.
1 Neuroradiólogo de garda 24 horas día, con presenza física para diagnostico e tratamentos, o será tamén o responsable no caso de que despois de aplicados os tratamento químicos para disolver o trombo, se non se logra o resultado optimo, sexa o profesional que acceda á arteria taponada e extraia o trombo (algo totalmente indispensable no tratamento inicial do ingresado).
1 Equipo de enfermería (cun cociente de 1 enfermeira/ou por cada 4 camas da unidade as 24 horas do día.
1 Unidade de camas especificas para ICTUS.
1 Dotación de Monitoraxe Neurologica.
1 Servizo de Rehabilitación global especifico, con axuda á adaptación no fogar, servizos de apoio á mobilidade, sesións reais de rehabilitación, achega de servizo de fisioterapia ao ictus, axuda a pacientes que precisan dun Neuropsicólogo, colaboración de logopeda, plan de rehabilitación cognitiva, axuda e achega social na procura de residencias ou centros de día, axuda social e económica aos pacientes que precisen para o seu coidado dun familiar que pode verse obrigado a abandonar o seu traballo. Información e tratamentos para a prevención dun segundo Ictus.
Os custos en pacientes con secuelas graves implican investimentos iniciais de ao redor de 3.000 €/mes. Con tratamentos adecuados os custos de atención e tratamento poden ser inferiores a 500 €/mes.
Ante esta situación está claro que en Lugo, non imos quedarnos de brazos cruzados e que centos de pacientes queden con secuelas graves ou falezan, mentres o Hospital Álvaro Cunqueiro teña unha Unidade de Ictus e un programa “Vai un código Ictus”, un servizo polo que o Sergas mostra o seu orgullo ao ser recoñecido o seu traballo a nivel nacional.
Temos frases moi rechamantes neste sentido do Xefe de Servizo do Álvaro Cunqueiro D. Jesús Romero, “O tempo é cerebro”. Anteriormente indicamos que a Sociedade Española de Neuroloxía advertiu, que uno de cada 4 adultos de máis de 25 anos, vai sufrir un Ictus ao longo da súa vida. Que é a segunda causa de morte en España (a primeira entre mulleres). Que o 15 % falecen e o 30 % queda en situación de dependencia funcional.
Non entendemos tampouco que a desidia do Sergas, leve a Centros Privados lucenses a querer cubrir estas deficiencias da Administración, pero cun gasto alto para os afectados. Non queremos pensar que isto sexa algo predeterminado.
Lugo como provincia de interior e fóra do Eixo Atlántico A Coruña – Santiago – Vigo, non pode aceptar un trato diferencial negativo, o que nos move a reenviar de novo esta comunicación ao Sr. García Comesaña “Conselleiro de Sanidade” para tentar obter estamos a solicitalo “a unidade completa de Ictus” nun curto espazo de tempo. Se non logramos unha resposta aceptable, contactaremos coa Oficina da Valedora do Pobo de Galicia para buscar a súa mediación e se as medidas de petición e mediacións non logran o resultado desexado, exporemos novas mobilizacións na rúa e ao máis alto nivel en Lugo.