A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social, desprazará dende o luns 17 de xullo e ata o vindeiro sábado 22, unha unidade móbil informativa sobre o programa Erasmus+.
A actividade, que se realiza en colaboración coa Axencia Nacional do programa Erasmus+:Xuventude en Acción, ponse en marcha con motivo da celebración do 30 aniversario do programa Erasmus+, coa finalidade de achegar o programa e as súas distintas accións aos mozos e mozas en xeral , técnicos de xuventude, representantes e membros de asociacións xuvenís e calquera persoa interesada no programa.
Así as cousas, as xornadas descorrerán do 17 ao 22 de xullo en seis localidades galegas, e chegarán á provincia o xoves 20, cando estarán no Concello de Vilalba. Contarán con talleres de difusión e asesoramento sobre o programa e unha unidade móbil informativa a pé de rúa. En canto ao horario das actividades, estas desenvolveranse en horario de 11:00 a 14: 00 horas.
O programa europeo Erasmus+ para a educación, a formación, a mocidade e o deporte, con vixencia 2014 – 2020, ten entre os seus obxectivos específicos mellorar o nivel de aptitudes e competencias dos mozos e mozas; promover a participación na vida democrática en Europa e no mercado de traballo; a cidadanía activa; o diálogo intercultural; a inclusión social e a solidariedade; posibilitar ás persoas que traballan no ámbito da xuventude e aos mozos e mozas maiores oportunidades de mobilidade por motivos de aprendizaxe; potenciar a dimensión internacional das actividades xuvenís e o papel dos traballadores e organizacións no eido da xuventude como estruturas de apoio aos mozos e mozas.
De forma xeral, poden participar estudantes, profesoras, formadores, persoas que realicen prácticas profesionais ou participen en programas de educación de adultos, voluntarios/as, mozos e mozas – entre 13 e 30 anos, segundo cada acción-, e traballadores no ámbito da educación, a formación e a xuventude. O orzamento desta iniciativa está cifrado en 14.700 millóns de euros.