Uns 25 artesáns de Lugo no ArteSanFroilán

O vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos Ramos, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, inauguraron este martes na Praza Anxo Fernández Gómez de Lugo, a XX edición do ArteSanFroilán, a mostra organizada polo organismo provincial, coincidindo coas festas patronais lucenses. Fíxoo xunto a Deputada de Cultura, Artesanía e Deseño, Pilar García Porto, e os 25 artesáns que participan nesta feira de artesanía.

Nesta ocasión, os participantes son todos profesionais cuxas pezas son de creación e produción propia. Ademais, todos os materiais empregados son transformados dende unhas materia primas autóctonas: madeira, ferro, coiro ou cerámica. A mostra, que permanecerá na carpa da praza Anxo Fernández Gómez ata o vindeiro 12 de outubro, estará aberta en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas. A entrada, coma sempre, é gratuíta.

Santos Ramos subliñou que “o ArteSanFroilán é unha oportunidade única para promocionar a riqueza artesá da nosa provincia, dentro e fóra das nosas fronteiras”. O vicepresidente lembrou o compromiso que da Deputación, e polo tanto do CENTRAD, cos oficios artesanais, “pois defendemos a artesanía como sinal de identidade na provincia para xerar riqueza, postos de traballo e fixar a poboación no rural” remarcou.

Pola súa banda, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, subliñou o acervo cultural que supón o San Froilán, que naceu como un elemento cultural popular da xente de Lugo, como unha feira de gando e ferramentas, “que non estaría completo sen esta feira de artesanía”. Nesta liña, a rexedora, quen felicitou á Deputación por poñer en valor e investir en actividades que acompañen ao San Froilán, fixo fincapé nesta feira como elemento dinamizador da economía luguesa, que se comproba coa cifra de visitantes que se incrementa ano tras ano.

Así mesmo, Lara Méndez destacou o carácter pedagóxico para os cativos que teñen non só as festas, con numerosas actividades pensadas nos nenos e nenas baixo o San Froilán Miúdo, senón con iniciativas como o Artesanfroilán, que lles permite descubrir unha tradición luguesa.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com