O vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos Ramos, presentou este luns no Museo Provincial de Lugo o Congreso Galego de Cruceiros, que organiza a Asociación de amigos dos cruceiros, cruces de pedra e petos de ánima, e que se celebra os días 19 e 20 de novembro no Museo Fortaleza de San Paio de Narla; en Friol. Fíxoo xunto ao Presidente da asociación, Fernando Arribas Arias, o Secretario, José Manuel Blanco Prado e o Tesoureiro, Mario Saavedra Pérez. O organismo provincial colabora coa asociación cunha achega económica de 3.000 euros para a celebración destas xornadas.
Santos Ramos subliñou que “dende a Deputación colaboramos coa Asociación de Amigos dos cruceiros porque levan a cabo un traballo fundamental na defensa e conservación dos nosos cruceiros, así como tamén no coñecemento e difusión destes monumentos que están ligados á cultura e á identidade galega”.
As edicións anteriores do Congreso Galego de Cruceiros celebráronse en Poio, Ponteareas, Santiago de Compostela, O Porriño, Monforte de Lemos e Ourense. Xustifícase a creación da asociación e o estudo dos cruceiros polos singulares valores materiais e inmateriais destes monumentos da arte popular galega, que adoitan estar ligados, dende a Idade Media, aos vellos camiños de peregrinación. Na actualidade, Galicia conta con máis de 8.000 cruceiros, considerados Bens de Interese Cultural (BIC).
Moitos dos relatorios presentados nestas xornadas son froito do traballo de inventario e catalogación de cruceiros, cruces de pedra e petos de ánimas que están realizando algúns dos relatores, que cada ano estudan polo miúdo un Concello para aportar nestes congresos os resultados das súas investigacións. Por exemplo, os traballos sobre os cruceiros da Ribeira Sacra lucense, comarca que, ata agora, carece dun censo exhaustivo deste tipo de monumentos, a pesar de que entre eles se atopan algúns dos exemplos máis notables da provincia de Lugo.