Uns 300 estudantes asistiron á charla de Reyes Pla na delegación da Xunta dentro do ciclo ‘Luz ó deporte’

Uns 300 estudantes de ESO do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes e dos colexios Franciscanos e A Inmaculada de Lugo asistiron hoxe na sede da Xunta á charla de Enmanuel Reyes Pla.

O boxeador de orixe cubano e afincado dende hai anos na Coruña protagonizou unha conferencia dentro do ciclo Luz ó Deporte, organizado pola Fundación Breogán coa colaboración do Goberno galego. O delegado territorial, Javier Arias, agradeceulle a súa participación nesta actividade.

Na súa charla, titulada A golpe de esforzo, Reyes Pla, medallista olímpico e figura recoñecida a nivel internacional, compartiu cos mozos e mozas lucenses as súas experiencias no deporte e na vida. Os organizadores destacaron que a súa traxectoria marcada pola perseveranza, a superación persoal e o compromiso cos seus soños é unha fonte de motivación para os rapaces e rapazas.

A conferencia de hoxe pecha a terceira edición desta iniciativa que busca achegar ás novas xeracións a deportistas de primeiro nivel que lles poidan transmitir valores e actitudes que teñan un impacto positivo na súa educación. Este ano tamén participaron as xogadoras do Club de Voleibol Arenal Emevé Jessica e Lucy Akamere; o capitán do Lugo Sala, Miguel Muñoz; e o psicólogo deportivo Joaquín Dosil.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com