Un total de 331 tractores rodean a Muralla de Lugo

Os gandeiros lucenses tiveron que escoller onde, como e con quen queren seguir loitando para conseguir uns prezos xustos polo leite. Algúns decidiron apoiar a tractorada de Agromuralla, a asociación xurdida hai uns meses á marxe das agrupacións sindicais agrarias, e fixérono levando os seus tractores a rodear a muralla. Hoxe, no primeiro día da segunda tractorada do ano, conseguiron xuntar a un total de 331 tractores, que permanecerán de forma indefinida ao carón do monumento romano e levando a cabo diversas accións, como é o caso das visitas á distribución.

Con esta medida pretenden lembrarlles ás empresas distribuidoras cal era o acordo asinado en Madrid a principios de outubro xa que, ao seu xuízo, só se cumpriu unha parte, a que implicaba a subida dos prezos do leite que paga o consumidor. Un aumento que iría destinado a beneficiar ao produtor, pero que na práctica non está implicando nin un céntimo máis para o gandeiro. Desta maneira, aseguran que “a situación segue a ser a mesma que hai catro meses”. Paralelamente denuncian que aínda a día de hoxe non está creada a comisión de seguimento comprometida en dito acordo.

Mentres, outra parte dos gandeiros lucenses optaron por seguir a liña oficial das reivindicacións, canalizadas a través das organizacións sindicais agrarias e agrupadas baixo a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, que polo momento concentrou as súas accións na cidade da Coruña, onde xa se produciron bloqueos con tractores en áreas comerciais.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com