Unión Progreso e Democracia en Lugo continúa coas súas reunións con diferentes colectivos, para coñecer as súas propostas, e celebrou un encontro coa Asociación de Empresarios e Veciños da zona do hospital, e Avenida das Américas.
UPyD en Lugo propoñerá a raíz desta reunión, o aproveitamento integral do antigo edificio do Materno, como sede do cuartel da Policía Nacional e as oficinas de Estranxeiría e DNI.
Asemade, o partido estudará algunhas das demandas e suxestións, que a través da súa presidenta lles fixo chegar a asociación, para incorporalas ao seu programa político, de cara ás eleccións municipais do mes de maio.
Ao encontro asistiron por parte da formación carmesí o Responsable de Política Institucional de UPyD en Galicia, Agustín Gallego Vigo, e os membros de UPyD José Fernández e Ana Argiz, e por parte da asociación a súa presidenta, Cecilia Vázquez García.
Agustín Gallego Vigo, responsable de Política Institucional de UPyD en Galicia, considera que a reunión foi “moi positiva” xa que puideron “coñecer de primeira man as propostas da asociación”, e recorda que “con este tipo de accións UPyD demostra a súa promesa de que un partido é un instrumento ao servizo dos cidadáns”.
Sobre a súa proposta de integrar a Policía Nacional nun único inmoble, considera que é unha oportunidade de aproveitar un edificio público e evitar que se deteriore”.