Urbanismo aproba a avaliación ambiental da senda verde nas antigas instalacións ferroviarias da Pobra de San Xiao

A Xunta de Galicia vén de informar favorablemente o plan especial de infraestruturas e dotacións que fará posible a creación dunha senda verde e dar novos usos ás antigas instalacións ferroviarias da Pobra de San Xiao (Láncara).

O servizo de Urbanismo dá por superado satisfactoriamente o trámite de avaliación ambiental estratéxica deste proxecto, sen necesidade de seguir o procedemento ordinario, moito máis complexo. Trátase dun paso previo e imprescindible que a normativa vixente establece para autorizar modificacións no planeamento urbanístico.

Nesta avaliación, o órgano ambiental da Xunta solicita a diversas administracións o seu informe correspondente, ademais de colgar na súa páxina web o expediente de forma que calquera pode ter acceso ó mesmo e facer as alegacións oportunas.

O obxectivo deste proxecto é integrar no núcleo urbano os espazos ferroviarios pechados tras a entrada en servizo da variante da Pobra de San Xiao, ademais de crear unha senda verde e diferentes zonas axardinadas.

O ámbito autorizado ten unha superficie de 33.698,94 m2, e comprende principalmente terreos polo que transcorren a estrada LU 546 e a antiga rede de ferrocarril. Ademais, nese espazo existen varias construcións como a antiga estación do tren: un edificio que albergaba a estación, un cargadoiro para mercancías, un depósito de auga e diversas edificacións accesorias.

Con todo, a construción da senda verde quedaría fóra deste plan, dun xeito formal, por canto o espazo que ocupará o seu percorrido xa forma parte de terreos clasificados polo PXOM como zona verde ou solo rústico. A autorización da Xunta fará posible seguir avanzando neste proxecto que permitirá aumentar a oferta lúdica do concello e integrar a infraestrutura dentro das dotacións municipais, para o que outro paso imprescindible será a cesión de Adif ao Concello destes espazos.

Outra das medidas contempladas no plan que recibe o visto e prace da Xunta é a implantación da Casa do Concello na antiga estación do tren e un uso sociocultural no cargadoiro de mercancías; ademais pretende rehabilitar un pequeno almacén e o depósito de auga, demolendo o resto da construcións. No entorno das edificacións anteriores se establecerá unha zona verde.

Tamén se implantarán aparcadoiros, carril bici, e zonas e viais peonís, coexistindo cos viais de tráfico rodado. Por último pretende a conexión norte coa estrada LU 546 farase mediante unha glorieta mantendo a conexión sur segundo o PXOM. O único condicionante exposto pola Xunta é a necesidade de que se sinalicen as prazas de aparcamento e tamén xustificar o enlace das vías existentes coas prazas e zonas peonís previstas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com