Urbanismo prepara unha nova Ordenanza municipal que rexerá a Avaliación Técnica dos Edificios

A concellería de Sostibilidade Urbana e Recursos Internos anunciou hoxe que o Concello de Lugo está a elaborar unha nova ordenanza municipal referente á Avaliación Técnica de Edificios.

Esta ordenanza ten por obxectivo regular esta materia acatando así os últimos cambios lexislativos que entraron en vigor recentemente e que obrigan á substitución das antigas Inspeccións Técnicas de Edificios (ITEs) por informes de avaliación que reflictan o grao de cumprimento que está a exercer a propiedade de terreos e inmobles no que ten que ver coa súa conservación, rehabilitación ou co estado ruinoso dos mesmos.

A nova ordenanza contemplará os termos polos que pasará a rexerse o deber de inspección técnica periódica das edificacións que determine o seu estado de conservación, o acatamento da lei vixente sobre accesibilidade universal e, para os edificios de uso residencial de vivenda colectiva, o grao de eficiencia enerxética.

O documento incluirá tanto as edificacións que quedan suxeitas a esta obriga coma os prazos e condicións nos que deban realizarse as inspeccións e informes, en función da súa antigüidade, tipoloxía, uso predominante ou catalogación en materia de patrimonio cultural.

A Ordenanza – que levará aparellada, de xeito necesario, a derogación da normativa municipal que regulaba ata o momento a figura das Inspeccións Técnicas – recollerá as condicións de realización destas inspeccións, ao tempo
que se establecerá a obriga de realizar de xeito periódico un informe de avaliación dos edificios, que acreditará o cumprimento das condicións das edificacións e construcións, calquera que sexa o seu uso e tipoloxía, cunha antigüidade superior aos 50 anos; ou cando polo estado de deficiente conservación así o requira o Concello.

A maiores, o Concello abre un proceso de consulta pública co fin de que os sectores e colectivos máis afectados pola aplicación da norma poidan realizar as súas achegas. Durante os vindeiros 15 días as persoas ou entidades interesadas en realizar algunha suxestión poderán enviala ao correo ordenanzaurbarnismo@lugo.gal co fin de poder incorporalas, se procede, ao proxecto que se redacte.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com