Urbanismo prevé concluír en decembro o proxecto de expropiación para o desdobramento da Duquesa de Lugo

33 parcelas a expropiar e outras 32 a ocupar temporalmente. Suman preto de 5.500 m² de terreo, pertencentes a 65 propietarios aos que o Concello de Lugo compensará con 132.639’30 euros. É o balance que arroxa o proxecto de expropiacións que permitirá desdobrar a Duquesa de Lugo.

Logo de que a Xunta de Goberno Local aprobase o pasado 4 de marzo o expediente coa taxación conxunta dos bens, a crise sanitaria pospuxo ata xullo o proceso de exposición pública do mesmo que rematou coa presentación de dez alegacións.

Algunhas das consideracións que recollían eses escritos foron estimadas polo persoal de Evislusa o que motivou a necesidade de modificar o proxecto que se elevará á Xunta de Goberno – agardamos, antes de que finalice o ano – toda vez sexa informado. Este será o trámite definitivo para ditar resolución a cada un dos afectados, facer efectivo o acordo de pago e levantar a acta de ocupación con fin de cederlle os predios á Deputación Provincial para que poida comezar as obras”, explicou Miguel Couto.

O edil de Urbanismo Sostible sinalou que, en boa medida, a magnitude da operación fixo demorar os prazos inicialmente previstos.

Falamos dun expediente moi complexo, que a nivel técnico, polas estimacións topográficas, precisou de varias correccións; dunha intervención que abarca unha superficie considerable que se atopa moi fragmentada na súa titularidade e se a iso engadimos que o trámite de validación inicial se produce xusto 11 días antes do decreto do Estado de Alarma, cando se paralizaron os prazos administrativos durante todo un trimestre, aínda dilata máis os tempos nos que se agardaba concluílo”, argumentou o concelleiro ao tempo que sinalou que, “logo do confinamento, o servizo de Correos, encargado de realizar as notificacións aos particulares, estaba moi colapsado debido, entre outras circunstancias, á realización de varios procesos electorais o que fixo que a última das comunicacións se entregase aos interesados o pasado 2 de setembro”.

Condicionantes, todos eles que prolongaron o cronograma da humanización de Infanta Helena pero que “en ningún caso – aclarou Miguel Couto – comprometen a execución dos traballos nin a súa viabilidade”.

O responsable de Urbanismo Sostible lembrou que a actuación contempla unha ampliación da calzada para dotala de dous carrís de circulación en cada sentido, con itinerarios peonís accesibles en ambas marxes e carril bici, para o que se terán en conta os tramos xa urbanizados, tanto da propia vía como das rúas que se cruzan con ela, incluíndo solucións de mobilidade sustentables e efectivas que concilien a transeúntes e ciclistas.

Disporá, así mesmo, de servizos como abastecemento, saneamento e iluminación pública, tendo en conta a situación actual e as demandas futuras como pode ser o desenvolvemento de solo urbano non consolidado e do chan urbanizable previstos no PXOM.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com