Urbes Habitables: a Milagrosa reúne preto de 80 persoas nun debate sobre a realidade do barrio

A veciñanza da Milagrosa púxose ante o espello este sábado no local social da Igrexa da Milagrosa. Arredor de 80 persoas déronse cita ao longo da mañá para asistir á segunda edición das xornadas Urbes Habitables de Lugonovo, centrada nesta ocasión no barrio e que novamente contou coa presenza de Luís Villares, portavoz de En Marea. Durante catro horas sucedéronse as intervencións dun vivo debate multidisciplinar onde houbo sitio para a intervención social, a segregación urbana, a historia do barrio ou a situación da comunidade de orixe foránea.

A portavoz municipal de Lugonovo, Cristina Pérez, conduciu o acto e achegou aos debates informacións e matices sobre a propia actividade institucional e social da organización. Abriron as xornadas os arquitectos Jorge Salvador e Alberte González do gabineta de Arquitectura e Urbanismo (gAU). Co título “Reaviva o teu barrio. Reaviva o Agro do Rolo. Xerme dunha idea”, achegaron un resumo do seu traballo sobre o espazo do Agro do Rolo, contrapondo modelos de urbanismo á hora de aplicar un proceso de rexeneración urbana integral. Os arquitectos non esqueceron salientar o peso da colaboración veciñal á hora de realizaren o seu traballo no barrio, tanto para contextualizar a actuación como para comprender as necesidades do barrio de primeira man.

A seguir foi a quenda de “A Milagrosa: Urdindo Comunidade”, un bloque centrado no barrio como espazo social. Jesús Salvador López, de Cáritas, describiu o traballo que a súa organización leva a cabo na Milagrosa, destacando como nos últimos anos se pasou de traballar con aproximadamente un centenar de familias a facelo cunha media de 350 anuais, entre as cales as familias españolas conforman o sector máis numeroso. Ademais, alertou contra a feminización da pobreza cando destacou que o 80% das persoas que se achegan a Cáritas en procura de axuda son mulleres, na súa maioría con cargas familiares.

A traballadora social Marisé Fernández tomou a continuación a palabra para reclamar políticas sociais que axuden a fixar xente no barrio e non contribúan ao éxodo do mesmo. Lembrou nese sentido que “os grandes problemas requiren de grandes investimentos” e neste sentido é competencia das administracións públicas loitar contra a desigualdade e polo benestar social. “Cando unha administración opta por subvencionar á iniciativa privada está simplemente desentendéndose do problema” lamentou. Por último, reclamou das administracións baixar a pé de barrio, “preguntar á xente, inquirir se marchan do barrio porque as persoas maiores non contan con elevadores e servizos adaptados” entre outros problemas.

Pechou este bloque o doutorando en Dereito Público Andrei Quintiá, quen pediu aos gobernos “apostar polo alugueiro cunha óptica social” fronte a un modelo que incentiva a compra e a especulación coa vivenda. Esas políticas, sen embargo “deben ser responsábeis e non transformar as vivendas sociais en zonas de gueto”. Dinámica esta que identificou como especialmente propia das “persoas máis desfavorecidas, que son quen inda por riba son máis vulnerábeis” ao atopar máis atrancos polo “engorroso papeleo” ou as barreiras lingüísticas, entre outros. Quintiá deu unha receita baseada en dous factores: unha “intervención urbanística responsábel que mire pola cohesión social” e unhas “políticas públicas específicas para as necesidades do barrio”. Trátase de lembrar que “na Milagrosa non só hai casas: hai xente” resumiu.

O terceiro bloque das xornadas correu a cargo da antropóloga e profesora da USC Elena Freire Paz, quen baixo o título “Entre o pasado e o futuro: o presente da Milagrosa” achegou unha visión histórica. Caracterizou a Milagrosa coma un barrio medrado en orixe arredor das persoas que buscaban oportunidades en Lugo abandonando o rural pero traendo canda elas “as pautas culturais” que determinan aquel, “implementadas nun novo espazo: a cidade”. Foi o “éxito” con matices deste barrio o que en última instancia acabou por lastralo, recoñece a antropóloga, ao provocar a saída do mesmo das persoas que atoparon oportunidades profesionais e vitais noutros puntos de Lugo.

O cuarto espazo “Porta con porta: o reto da veciñanza” xuntou a dúas persoas migrantes de orixes diversas. Samira Zahir, nacida en Marrocos, e Alejandro Eiras, cubano de ascendencia galega, achegaron a súa visión como persoas de orixe estranxeira residentes na Milagrosa. Fiaron conxuntamente un relato que reunía dificultades de integración de todo tipo: laboral, cultural ou idiomática, entre outras. Eiras destacou especialmente a necesidade de regular os prezos dos alugueiros.

Como xa acontecera na Tinería, Luís Villares, portavoz de En Marea, foi encargado de pechar o acto cun discurso persoal pero vehemente. Nel lembrou a súa propia infancia na gardería da Milagrosa pero tamén tivo palabras para as autoridades da Xunta de Galicia, a quen lembrou que “non existe compromiso social sen orzamentos sociais”. Villares lembrou problemas acuciantes como a pobreza enerxética e avogou pola reivindicación constante do cumprimento dos dereitos sociais recoñecidos, por moito que se dean por supostos. “O papel aguanta todo, pero o papel por si só non quita a fame, nin quita a sede, nin quita o frío” aseverou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com