Máis de cen usuarios da Asociación de Pais e Tutores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo (Aspnais),visitaron esta maña a sede da Xunta en Lugo e coñeceron o seu funcionamento interno, así como as funcións da administración autonómica. Durante a recepción, a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias puxo en valor a labor integradora da organización e gabou “o importante papel que xogan os seus usuarios, posto que son eles os que co seu traballo e esforzo contribúen a enriquecer a sociedade na que vivimos”.
O presidente de Aspnais, agradeceu en nome de todos os usuarios da asociación a recepción e o apoio que lles brinda a Xunta de Galicia ao considerar que “este tipo de actos institucionais son un medio máis para a integración e para facer visible a actividade da asociación”.
Na súa visita, os rapaces tiveron tamén a oportunidade de coñecer as diferentes dependencias do edificio administrativo da Xunta da man do persoal da delegación territorial, que os acompañou nun percorrido polas instalacións do centro e lles ofreceu información adicional acerca do funcionamento dos diferentes departamentos da administración.