José Antonio Varela Agrelo, presidente da Audiencia Provincial de Lugo dende o ano 2010, renunciou hoxe á súa praza, meses antes dunha posible renovación, a terceira, no seu mandato. A renuncia, que xa foi aceptada polo Consello Xeral do Poder Xudicial, vén dada pola incorporación do maxistrado ao Tribunal Superioor de Xustiza de Galicia (TSXG), a pesares de que a renovación da presidencia da Audiencia lucense non estaba prevista ata o vindeiro mes de abril. Varela Agrelo está, dende hoxe, exercendo en funcións.
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, recibiu ao maxistrado no Pazo de San Marcos, onde lle transmitiu o seu agradecemento, en nome da institución que dirixe, pola vontade de colaboración e compromiso coa provincia que existiu entre ambas institucións ao longo dos case dez anos que estivo á fronte da Audiencia Provincial de Lugo.
O mandatario provincial, que estivo acompañado da Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, agasallouno cunha peza de cerámica de Gundivós e cunha selección de produtos de proximidade da provincia durante a reunión para que “teña sempre un recordo da provincia e da súa veciñanza”, subliña o Presidente.