A presidenta provincial do Partido Popular, Elena Candia, clausurará a conferencia que impartirá mañá, a partires, das 19:30 horas, na sede do PP lucense, o xuíz Vázquez Taín sobre a protección xurídica en relación ao uso de Internet e das redes sociais na adolescencia. Deste xeito, o reputado maxistrado, que conta cunha ampla experiencia nesta materia, explicará aos asistentes os principais casos e riscos que existen na actualidade a consecuencia do abuso ou mal emprego das novas tecnoloxías, fundamentalmente en menores.
Esta xornada, que contará ademais coa asistencia do conselleiro de Eduación, Román Rodríguez González, inclúese dentro do programa de actividades que se organizan dende as diferentes comisións sectoriais do partido; neste caso, dende a de Educación.
O encontro ten, por tanto, unha finalidade formativa e, de igual xeito, informativa, pois a súa temática é unha das maiores preocupacións que se detectan na comunidade escolar e no ámbito familia dos menores. Neste senso, está dirixido tanto aos docentes, así como tamén aos pais, nais ou titores legais que poden ter os rapaces. Con todo, a conferencia é aberta a calquera persoa interesada neste tema de inminente actualidade. A disertación do reputado xuíz permitirá analizar os problemas que os mozos se poden encontrar no manexo das redes sociais así como a protección xurídica aplicable ao respecto.