Nin trinta minutos pasaron dende o comezo do pleno da Deputación cando se iniciou a primeira bronca. O presidente, Darío Campos, dáballe a palabra ao deputado non adscrito, Manuel Martínez, e este reclamaba intervir o último. Campos defendía que o regulamento orgánico da Deputación establece que os deputados non adscritos falarán en quendas rotativas a decisión do presidente. Algo que contradi un documento asinado polo secretario provincial, segundo Martínez, no que se establece que os non adscritos son os últimos en intervir. “Estame toreando”, dixolle Martínez a Campos, mentres o presidente lle recomendaba que “lea o regulamento”.
A corporación pasou preto de quince minutos discutindo sobre esta cuestión, algo que enoxou ao deputado nacionalista, Xosé Ferreiro. “Levamos media hora mirando a ver quen a ten máis grande, a ver quen fala primeiro e a ver quen fala ao final”, lamentou, “e mentres estamos matando o idioma”, dixo en referencia á moción do BNG para frear “a desprotección do galego”.
Pero a discusión de maior magnitude chegou coa proposta do grupo nacionalista sobre a creación dun xulgado específico de violencia de xénero en Lugo. A voceira do PP, Elena Candia, interrompía o inicio do debate para pedir un minuto de silencio pola muller asasinada presuntamente polo seu marido en Becerreá. O vicepresidente primeiro, Antón Veiga, apelaba á unanimidade do pleno para reclamar este xulgado para a cidade de Lugo, pero pouco despois os populares anunciaban a súa abstención, por varios motivos, segundo explicou o deputado Francisco Balado.
“Esta non é unha cuestión que teña que ver con pedir por pedir”, dixo Balado asegurando que a creación dun xulgado específico para casos de violencia de xénero está relacionada “cunha cuestión numérica” do volume de denuncias que se rexistran en cada partido xudicial. Tamén asegurou o deputado popular que “pensar que o problema vaise reducir especializando os xulgados é un erro”.
“Se seguimos así vamos gardar moitos minutos de silencio”
“Podemos estar falando de cuestións técnicas e mentres as mulleres seguen morrendo”, rebatiu Veiga, engadindo que “como sigamos falando de números vamos gardar moitos minutos de silencio”. Pola súa banda Martínez, ademais alcalde de Becerreá, asegurou que os veciños dese concello “seguimos desorientados e impactados”, polo asesinato de Ana Gómez . Pero aínda así, criticou que a moción “responde aos intereses dunha secta (polo BNG), que se aproveita da dor das persoas”.
A deputada socialista, Sonsoles López, asegurou sentirse “ofendida como muller” polas palabras de Balado e pediulle que “non fale no nome das mulleres vítimas de xénero”, ao tempo que explicou que “non é certo que haxa menos casos de violencia de xénero en Lugo ou Ourense”, como tiña manifestado o deputado popular, senón que se producen menos denuncias, e relaciona esta situación coa falta dese xulgado específico.
“Agresores das mulleres”
Pero foron outras declaración de López Izquierdo as que subiron o ton da discusión: “Lamentablemente as medidas dos gobernos do PP, e os xestos e as palabras que escoitamos hoxe aquí definen claramente ao PP e aos seus representantes como agresores das mulleres, xa que nos consideran carentes de dereitos mínimos e de liberdade, respecto e capacidade de decisión”. Unhas palabras que levantaron unha ondada de queixas e as sucesivas peticións de Candia para que a socialista rectificase. Por ese motivo o grupo popular en masa abandonou o salón de plenos ata o remate do debate, ausentándose tamén durante a votación da moción, que aínda así saíu adiante cos votos a favor do bipartito e a ausencia de Martínez.
Ante estes acontecementos, Veiga pediu desculpas ás vítimas de violencia de xénero e tamén as familias “polo bochornoso espectáculo”. “Síntome moi mal”, recoñeceu, “a miña intención era conseguir a unanimidade para ter máis medios para loitar contra a violencia de xénero”.
“Non era a miña intención”
Foi ao remate do pleno, dúas horas despois deste encontronazo, cando a deputada quixo dar explicacións. Primeiro de todo pediu que se lle deixase falar, xa que acusa aos populares de non deixarlle rectificar. “Nunca me neguei a pedir desculpas, simplemente vostedes non me permitiron ter esa ocasión”, dixo. Ao mesmo tempo, Sonsoles López asegurou “lamentar profundamente que as miñas palabras non fosen o suficientemente claras para que non as malinterpretasen e se sentisen ofendidos. Síntoo e lamentóo porque non era a miña intención”
Do mesmo xeito dixo rectificar as súas palabras asegurando que o que realmente quería transmitir era que “as políticas do PP non respectan o dereito da libertada e decisión das mulleres e se erixen como portavoces cando nin sequera falan con elas”.