O Auditorio do centro cultural do Vello Cárcere de Lugo acollerá este venres o faladoiro Feminismos decoloniais: as nosas outras, impartido pola Doutora en Tradución e Intepretación, María Reimóndez Meilán. Esta actividade está enmarcada dentro dos Faladoiros Feministas, a programación totalmente gratuíta que Deputación e Concello de Lugo, coa colaboración do Foro feminista Maruxa Mallo, puxeron en marcha co obxectivo de crear un espazo de reflexión da actualidade dende a mirada das mulleres.
Esta iniciativa, de conexión do feminismo coa cidadanía, trata de propoñer alternativas para situacións derivadas da estrutura social patriarcal, erradicar os prexuízos que engaiolan ás mulleres, empoderalas e achegar o feminismo á sociedade como ferramenta de loita contra as violencias machistas. Deste xeito, búscase aportar ferramentas e recursos para fortalecer o empoderamente feminino, favorecer o coñecemento e a situación actual en cuestións de igualdade, identificar as causas do estado actual e definir solucións, entre outros.
Na conferencia sobre feminismos decoloniais a lucense e fundadora da organización Implicadas no Desenvolvemento, María Reimóndez, reflexionará sobre o que hoxe acontece no marco da interseccionalidade, dende unha óptica feminista, centrándose nos diferentes pensamentos feministas e nas principais diferenzas do norte e o sur do país. A entrada ao faladoiro é libre e de balde ata completar o aforo, 137 prazas.