Moitas noticias provocan a nosa nostalxia porque nos trasladan a tempos idos, e poñen en evidencia o que puido ser e non foi. A última provocación de nostalxia tívena ao saber que en Ferrol se vende o cine Avenida, que leva 17 anos pechado, e foi un elemento singular do amplo período de tempo en que os cines foron protagonistas principais da actualidade do lecer de vilas e cidades.
En tempos, Vilalba tiña dous cines. No que entón se chamaba “A carretera”, o Teatro Villalbés, administrado por Isidro Gaioso, pertencente á empresa Lens Ucar que tiña tamén o Teatro Ribadeo, que foi o único ata que apareceu o Cine Parroquial, no lugar que hoxe ocupa o edificio parroquial e o Auditorio Carmen Estévez.
No Villalbés asistín á proxección de “La violetera”, dunha Sara Montiel no cumio da súa carreira, penalizada pola censura eclesiástica, e no Parroquial –lóxico, pola vocación do proxecto cinematográfico- á da película Molokai, sobre a vida do Padre Damián, apóstolo dos leprosos. Eran os puntos extremos da séptima arte que entón podíamos aspirar a contemplar.
Os dous cines son hoxe historia, barridos polos novos medios audiovisuais, como resultaron barridos os seis cines que daquela había en Lugo, como de cando se nos recorda con nostalxia por non ter conservado o edificio do gran Teatro que moi tarde descubrimos que era exemplo da arte construtiva da primeira metade do século XX.
En Ferrol non queren que o vello cine desapareza de todo, e tentan vendelo por 1.000.000 €, indicando que se puxo en marcha o ano 47 sendo desa época moitos dos seus elementos, e considerando que pode ser moi xeitoso para sala de concertos.
Que un vello cine se transforme para ser utilizado de novo, é o mellor destino que pode ter, e aí temos o exemplo do Principal de Santiago ou o Pastor Díaz de Viveiro, especialmente se o edificio ten mérito artístico. Consolémonos da perda do Villalbés, que o edificio quizais merecía conservarse, e esquezámonos do Parroquial, que a existencia do Auditorio compénsanos da súa carencia e palia de xeito definitivo a nosa nostalxia.