O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, instou ao presidente da Xunta a realizar a denominada “ruta do cancro” cun doente que sofre esta enfermidade para ver “o calvario” que teñen que pasar debido ao “incumprimento de dotar ao hospital de Lugo, HULA, do servizo de radioterapia tal é como anuncio en 2011 no momento da súa inauguración”.
Vence fixo estas declaracións no Centro Oncolóxico da Coruña, onde unha delegación do BNG acompañou a un doente do Concello de Monterroso. A viaxe empezou as sete da mañá coa recollida do paciente por unha ambulancia no seu domicilio e que rematará arredor da 15.00 horas, 300 quilómetros e oito horas de viaxe e esperas despois, para recibir un tratamento de radioterapia de apenas dez minutos.
“Desde o punto de vista persoal teño que dicir que me impacta estar enfermo de cancro, ter que levantarse as seis da mañá para entrar nunha ambulancia con outros doentes que recollen noutros lugares da provincia, pasar polo Hospital de Lugo e vir logo ata A Coruña para recibir un tratamento de dez minutos e despois volver facer o camiño de volta”.
O voceiro nacional do BNG declarou que “esta experiencia en directo é algo que lle recomendariamos moito ao presidente da Xunta. O señor Núñez Feijóo debería facer este percorrido con algún dos enfermos de Lugo para darse conta de ata que punto está castigando aos lucenses coa decisión de non cumprir a promesa de completar o hospital de Lugo cos servizos de radioterapia e doutros, como a Hemodinámica 24 horas”.
Ademais de Vence, tamén fixeron esta ruta do cancro o candidato BNG-AA de Lugo, Ruben Arroxo, o deputado por Lugo, Cosme Pombo e os rexedores de Pobra do Brollón e de Riotorto, entre outros, aceptando a petición da Federación Veciñal de Lugo para visibilizar as consecuencias da falta de servizos no HULA.