Vendidas en tan só 5 minutos as 1.000 primeiras entradas do Caudal Fest

Esta mañá, foron vendidas ás 1.000 primeiras entradas para o Caudal Fest, en tan só 5 minutos dende que se puxeron á venda, o que mostra o interese xerado por asistir a este evento, que reunirá o 21 e 22 de setembro en Lugo un cartel musical de primeiro nivel. As seguintes entradas teñen un prezo de 30€ (máis gastos de xestión) e a media mañá de hoxe xa se levaban vendido un total de 3.405. Pódense retirar a través da páxina web do evento www.caudalfest.es e na plataforma oficial de entradas www.entradasatualcance.com .

Con esta iniciativa turístico cultural, o Concello de Lugo cumpre as gañas dun macrofestival urbano en Lugo, cunha programación moi coidada, pensado para varios públicos, de proxección internacional e de grandes dimensións. O festival está subdivido en dúas xornadas: unha de balde, o venres 21 de setembro, e unha de pago, o sábado 22; en dous espazos máis que privilexiados e únicos da cidade. Concretamente, o segundo terá lugar na contorna do río Miño, o que converterá ao Caudal Fest nun dos festivais urbanos con máis atractivo medioambiental.

Apóstase, deste xeito, pola revitalización desta zona verde e fluvial da cidade, co obxecto de que Lugo deixe de darlle ás costas ao río e mire, en termos de desenvolvemento, cara o Miño. Ademais, na liña de seguir poñendo en valor o casco histórico da cidade, o venres os concertos serán na Praza de Santa María.

Co Caudal Fest, Lugo agarda un fito de programación cultural que xerará ademais un retorno mediático, completando a axenda de actividades culturais que ofrece o municipio ao longo do verán e de todo o ano. Supón tamén completar a oferta cultural festivaleira de Galicia, en auxe nos últimos anos, e situar a Lugo dentro do mapa nacional e internacional dos festivais, sendo o principal de fin de temporada no territorio nacional. Está concebido para gozar da natureza do municipio a través da música. Beneficiará ao sector turístico a través do cultural, e concretamente dende a perspectiva da música, pero tamén ao sector empresarial local.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com