Nos meus tempos mozos, o público das orquestas nas festas de pobos e aldeas era xeralmente popular, de todas as idades, mais participativo que contemplativo: ás verbenas íase a bailar. E eran concentracións multitudinarias, quizais pola razón poderosa de ser anuais ocasións de facer festa en tempos ainda escuros.
Logo, no tempo dos meus fillos, as festas animadas por orquestas foron quedando para a xente maior, buscando os novos os xa importantes espectáculos de masas nos que unha persoa ou grupo protagonizaban recitais nos que non había que facer máis que contemplar, sintonizar, disfrutar sen aportación física persoal.
De novo os tempos cambiaron e, sen saber ben por que, as orquestras volveron coller un protagonismo inusitado, sen que volvera o baile a ser o elemento dinámico de animación, senón que o público segue a ser contemplativo e os que fan espectáculo cos seus bailes son os e as cantantes.
Nas festas lucenses do San Froilán, puiden contemplar parte da actuación da orquestra Acordes, na Praza Maior, á tardiña, entre lusco e fusco, cunha cantante e catro intérpretes masculinos que encheron de música a praza central da cidade.
E reafirmeime no pensamento de que as asociacións de mulleres calan a degradación da imaxe feminina nas orquestras galegas, pois non escoito críticas nin protestas de asociacións feministas ou simplemente femininas sobre a necesidade aparente de que as cantantes aireen abundante superficie anatómica nas actuacións, mentras os cantantes só deixan ao aire mans e cara.
A min non me houbese importado que a cantante da orquestra Acordes –como as da inmensa maioría das orquestras galegas- tivese que ensinar as pernas ata onde deixan de selo, se os cantantes masculinos amosasen similar parte do corpo, mesmo polo dereito á igualdade de xénero da que vimos facendo gala.
Sorpréndeme a covardía institucional, asociativa e particular ao non pronunciarse sobre o trato á muller nas orquestras de Galicia. E máis me sorprende que grupos políticos que se supoñen progresistas, asociacións que se cren feministas, e mulleres en xeral calen diante desta vergoña primitiva, de primates, na que ás mulleres non lles chega con cantar e bailar ben senón que, ademais, teñen que espirse para actuar nun espectáculo.