Verónica Arias foi elixida presidenta do PP do Páramo por aclamación no congreso local do partido celebrado este sábado coa participación da presidenta provincial, Elena Candia; o secretario xeral, Javier Vázquez Nodal; o secretario de organización, Javier Vázquez Prado; e o coordinador xeral, José Manuel Balseiro; entre outros compañeiros do partido.
A executiva do PP do Páramo complétase con Yanin Castaño como secretaria, Vicky Vázquez como tesoureira; Cándido Valeriano Vázquez e Gumersindo Rodríguez como vogais.
A presidenta provincial explicou que, tralos congresos autonómico e provincial, “o Partido Popular continúa a organizar o seu traballo e renovar os órganos de dirección do partido a nivel local como xa aconteceu en Ribadeo, Viveiro, Friol, Baralla e Sober”.
Candia felicitou á nova presidenta celebrando que “sexan cada vez máis as mulleres que ocupen postos tamén á fronte de agrupacións políticas”, neste caso, como máxima responsable do partido a nivel local. Tamén destacou “a súa experiencia na xestión e atención aos veciños como membro do anterior goberno local”.
Verónica Arias, pola súa parte, agradeceu o apoio e asumiu o cargo “coa responsabilidade de recuperar o goberno do Concello e da Deputación acompañada por un equipo con caras novas e presenza maioritaria de mulleres, que sempre foron unha peza fundamental para o desenvolvemento da sociedade galega”, dixo.
Esta renovación incorpora “xente moza, que son o futuro do noso concello e que queren traballar de cara ao asentamento da poboación no rural”. Nese sentido, explicou que “loitaremos cada día por este obxectivo dende a administración local en coordinación coas demais administracións”, engadiu Arias.
A nova presidenta púxose a disposición dos militantes e veciños do Páramo: “non imos escatimar esforzos en aumentar o seu apoio ao proxecto do Partido Popular”. De feito, tamén nos marcamos como obxectivo “incrementar a afiliación” e, máis concretamente, “traballar para conseguir sumar a xente moza”.