Vetusta Morla, Mala Rodríguez e Andrés Suarez, cabezas de cartel do Caudal Fest

Lugo por fin terá o seu festival de música. Un propio e só da cidade das murallas que chegará este ano, en setembro para facer as delicias dun público moi diverso. Na cabeza de cartel, os madrileños Vetusta Morla, que chegarán á cidade acompañados de artista de primeiro nivel como Andrés Suárez, Mala Rodríguez, DePedro ou Iván Ferreiro. O Caudal Fest terá lugar os días 21 e 22 de setembro en dúas localizacións.

O primeiro día, terá lugar un concerto gratuíto cos artistas aínda por confirmar na zona centro da cidade. O sábado 22 será o turno de todo este cartel que se presentará nun recinto pechado no paso do Miño. Un entorno natural e único ao que se poderá acceder con entradas entre os 25 e os 40 euros.

Trátase, tal e como o definiu no acto de presentación a rexedora da cidade, “dun festival que achegará por primeira vez á cidade, e nesta magnitude, a posibilidade de gozar, en dous dias consecutivos, de concertos dunha oferta de artistas de diversos estilos musicais, aplaudidos tanto a nivel nacional como internacional”, erixíndose, polo tanto, como unha nova cita para visitar a cidade, xunto ao San Froilán e o Arde Lvcvs.

Co Caudal Fest, Lugo agarda un fito de programación cultural que xerará ademais un retorno mediático, completando a axenda de actividades culturais que ofrece o municipio ao longo do verán e de todo o ano. Supón tamén completar a oferta cultural festivaleira de Galicia, en auxe nos últimos anos, e situar a Lugo dentro do mapa nacional e internacional dos festivais, sendo o principal de fin de temporada no territorio nacional. Está concebido para gozar da natureza do municipio a través da música. Beneficiará ao sector turístico a través do cultural, e concretamente dende a perspectiva da música, pero tamén ao sector empresarial local.

As entradas para a programación de pago poranse á venda o vindeiro martes, 24 de xullo, dende os 25 euros (máis gastos de xestión), as 1.000 primeiras entradas; a través da páxina web do evento www.caudalfest.es e na plataforma oficial de entradas www.entradasatualcance.com. Agárdase a asistencia dunhas 10.000 persoas.

Nos vindeiros días seguiranse anunciando artistas para este festival.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com