A Plataforma Vía Galega convida a participar nun acto público conmemorativo da I Asemblea Nacionalista, que será o 20 de novembro ás 11:30 horas na rúa da Raíña de Lugo. Este evento contará coas intervencións de María Pilar García Negro, profesora da UdC e escritora, e de Cosme Pombo Rodríguez, coordenador de Vía Galega en Lugo. Ademais, haberá unha actuación musical de Airiños do Fiouco.
Vía Galega quere lembrar no 103 aniversario da I Asemblea Nacionalista o labor das Irmandades da Fala e o primeiro manifesto que serviu de base para os programas do nacionalismo galego. Neste documento defínese Galiza como nación e convídase a mocidade a sumarse a esta iniciativa porque “son chegados os tempos de erguer a alma e o pensamento de Galiza e, sobre todo, a súa soberanía, completa e sen cativeces. Nisto non caben discusións: Galiza ten dereito, un dereito fundamental a ser dona de si mesma”.
O 17 e 18 de novembro de 1918, reuníanse en Lugo as Irmandades na I Asemblea Nacionalista. Nesta ‘Asembleia Nazonalista de Lugo’ aprobouse o ‘Manifesto Nazonalista’ no que se declaraban explicitamente nacionalistas ‘nós nomeámonos desde hoxe para sempre nacionalistas’, coa necesidade de procurar para Galiza a soberanía plena e declarando que: “Son chegadol-os tempos d’erguere a y-alma e o pensamento de Galicia, e sobor todo a súa soberanía, compreta e sen cativeces. N-isto non caben discusiós: Galicia ten direito, un direito fundamental, a ser dona ausoluta de si mesma. Con vountade ceibe faremos nupcias d’amore con outras soberanías, contr’as que non vai nin quér ire a soberanía nosa’.
O manifesto asinábano os máis relevantes cadros do nacionalismo daquel momento e foi un paso adiante de grande importancia na formulación dun proxecto político soberano con vixencia na actualidade.