Dentro da campaña Non Emigramos. Expúlsannos, Vía Galega convoca este sábado 14 ás 11:30 horas en Lugo e ás 12 horas en Sarria e Monforte, unha concentración diante dos concellos para denunciar a “sangría poboacional” que sofre Galicia e, deste xeito, esixir ao Parlamento galego e á Xunta que asuman o problema da emigración como unha emerxencia a tratar nas súas axendas.
Deste xeito, Vía Galega convoca en 46 cidades e vilas do país concentracións simultáneas diante das casas dos concellos para denunciar a situación de emigración forzada á que se ven sometidas millares de persoas cada ano no noso país.
Desde Vía Galega, entenden a emigración como o síntoma principal dunha economía subalterna, que non aproveita as verdadeiras potencialidades de Galicia, e que se limita, na práctica, a fornecer materias primas en lugar de terminar os ciclos produtivos no país. “Somos conscientes de que esta orientación non é casual, senón produto da falta de soberanía política, da dependencia das relacións económicas a respecto de Madrid e da falta de interese dos diferentes gobernos autonómicos en promover unha economía autocentrada”.
“Animamos a todas as galegas e galegos a que acudan as concentracións, na que temos que garantir a viabilidade do noso país e a produción de traballo e un futuro digno na nosa Terra”, conclúen dende Vía Galega.
Dec 11, 2019 - 09:55 PM
Menudo soño……. Por que a realidade esta moi lexos