Victor Corral, D.E.P.

Desde o sábado, un dos hectómetros do Paseo dos Soños de Vilalba, á beira do río Madalena, corresponde a Victor Corral Castro, escultor, pintor, poeta e Fillo predilecto do Concello de Begonte.

O hectómetro é unha columna obelisco tallada polos escultores guitiricenses Irmáns Quijada, coroada por unha pomba esculpida polo mestre Corral, símbolo da súa arte, totem da súa obra, da súa familia, da súa casa-museo que, como homenaxe ao antigo castelo de Baamonde, domina o pobo desde o alto para extender sobre el a benéfica acción da súa arte irrepetible.

Desde 2006, o máxico paseo que acompaña ao río vilalbés desde o Muiño da Magdalena ao do Rañego convertiuse no Paseo dos Soños, e cada hectometro queda marcado cun fito que lembra a grandes da literatura que xa están no alén (Manuel María, Fernández Paz, Puente Docampo, Darío, Carballo e os Irmáns Chao Rego) e outros tantos chairegos que viven entre nós. Victor é o primeiro artista plástico, creador de pombas da paz e de infinitas obras senlleiras que polo noso mundo marcan territorio gobernado pola súa arte.

Victor é un artista feliz, creador dun mundo de arte que comparte cos milleiros de visitantes que cada ano acoden a Baamonde a disfrutar coa contemplación das súas obras, dentro e arredor da casa-museo. Pero, sobre todo, é un feliz patriarca familiar que disfruta de oitenta e catro fructíferos anos que se traducen en centos de obras maxistrais, cada unha coa súa historia, dentro da global historia do artista que, no canto de presumir das súas obras, presume de garimosa familia que con el percorreu o Paseo dos Soños, onde o seu simbolo queda para sempre.

4 días despois desta homenaxe, recibo a dolorosa nova da morte de Victor. O sábado foi inmensamente feliz. Que o siga a ser no alén. D.E.P.


Na foto, Victor Corral xunto ao seu “Hectómetro”, entre Elba Veleiro, Alcaldesa de Vilalba e Xulio Xiz.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com