Vidal-Pardo: “O BNG presume de realizar unha consulta popular en Rafael de Vega que non existiu como tal”

O concelleiro de Cs Lugo, Juan Vidal-Pardo, censurou esta mañá a intención do BNG de adxudicarse a autoría dunha consulta popular entre os veciños e veciñas de Rafael de Vega sobre a peatonalización desta vía. “A consulta da que presume Rubén Arroxo e os seus concelleiros nos medios de comunicación non foi organizada polo Concello como así  tiveron que recoñecer o propio Arroxo formalmente ao noso grupo tras ser consultado respecto diso”, sinalou. O concelleiro de Cs considera canto menos perigoso o intento de adxudicarse unha consulta que non foi tal. “Terxiversaron a realidade coa intención de alardear dun talante democrático e dunha intención de participación cidadá que non é real nun claro engano ante a cidadanía”, declarou o edil.

Vidal-Pardo asegurou que se filtraron e publicaron datos moi precisos sobre esta suposta consulta popular, pero con todo o Concello de Lugo non ten constancia de “absolutamente nada polo que a decisión de peonalizar esta rúa, do que por certo, Cs foi quen propuxo o seu estudo, non pode responder ao dictame dunha consulta popular do que se descoñece o resultado”. As consultas populares están reguladas por lei e “neste caso non se cumpriu absolutamente con ningún dos requisitos para ser considerada como tal. Descoñécese o promotor de devandita consulta, que pensabamos que era o Concello; non se identifica ás comunidades que supostamente organizaron a consulta; os veciños e veciñas non foron informados de dita consulta en tempo e forma, como así denunciaron numerosos propietarios; descoñécese os resultados e descoñécese a participación; descoñécese as garantías procesales do suposto proceso…e así poderiamos continuar toda a mañá. A conclusión é que a consulta foi unha farsa e que o Bloque intentou utilizar esta mentira para satisfacer os seus intereses e reforzar a súa imaxe pública nunha operación canto menos perigosa para os valores democráticos e para o fomento do espírito de participación cidadá na nosa comunidade. Todo foi unha chapuza”, proseguiu.

Desde Cs ínstase ao Goberno local a que leve a cabo unha consulta popular entre os veciños e veciñas de Rafael de Vega coas garantías necesarias e animan aos nacionalistas a “deixar de intentar manipular á opinión pública con actos propagandísticos dignos de regimenes de dubidosos estándares democráticos”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com