Vilalba Aberta saiu esta mañá0 ao paso das necesidades da veciñanza das parroquias. Logo dunha xuntanza cos veciños do Vilar de Pígara (parroquia de Goiriz), a formación municipalista vén de rexistrar unha nova iniciativa coa que pretenden dar resposta ás demandas dos seus residentes, pola vía da renovación e mellora do camiño público que lle da acceso.
Coñecida como Camiño de Pígara, trátase dunha vía que, na actualidade, da servizo a unha decena de vivendas e a cuxo deterioro, cómpre sumarlle a ausencia de canalización, co que isto representa para veciños/as e residentes, nomeadamente, nos meses nos queas choivas adoitan ser máis intensas.
Dende hai xa demasiado tempo, estes veciños veñen reclamando do goberno local que se atenda esta solicitude; mais, tal e como lamentou o voceiro da formación, Modesto Renda, “ninguén os está a escoitar”.
Renda, que denunciou o feito de que “tiveran que ser os mesmos veciños/as os que, nos últimos anos, asumiran tanto o custo como os propios traballos de compactado de zahorra”, adiantou que Vilalba Aberta esixirá a inclusión desta “máis que necesaria actuación” na inminente negociación dos Orzamentos para 2022.
Unha opinión compartida pola súa compañeira e vicevoceira da formación, Mª Xosé Fernández, quen non quixo deixar pasar a oportunidade para agradecer a confianza dos veciños/as do Vilar de Pígara no Grupo Municipal de Vilalba Aberta para, de seguido, apelar ao consenso de todos os grupos políticos con representación no Concello de Vilalba, con vistas a atender “unha reivindicación de tempo” que debera facerse, ao fin, efectiva “na vindeira anualidade”.