Vilalba Aberta volve saír ao paso das necesidades das parroquias. Logo dunha visita a San Xoán de Alba, a formación municipalista vén de rexistrar unha nova iniciativa – a debater no vindeiro Pleno de Marzo – coa que pretenden dar resposta ás demandas dos veciños, pola vía do arranxo e limpeza de noiros no vial municipal coñecido como Pista da Louseira.
O tramo, que conecta as parroquias de Alba, Torre e Insua, atópase nun estado evidente de degradación, polo que a solicitude de actuación exposta na proposición de Vilalba Aberta, redundaría nunha importante mellora da rede de comunicacións do rural vilalbés.
Dende hai xa demasiado tempo, os veciños da zona veñen reclamando do goberno local que se atenda esta solicitude; mais, tal e como lamentou a vicevoceira da formación municipalista, María Xosé Fernández, “ninguén os está a escoitar.”
Xunto á concelleira, a Alba desprazouse tamén o voceiro municipal da agrupación, Modesto Renda, quen contextualizou a iniciativa como “unha nova chamada de atención ao goberno en relación co estado da rede viaria municipal”, apuntando directamente á responsabilidade do edil de infraestruturas en base ao “limitado da inversión” e o “baixo custe” que, para as arcas municipais, suporían os traballos de rebacheo.
Así, e ao tempo que agradeceron a confianza dos veciños no Grupo Municipal de Vilalba Aberta para, ámbolos dous edís apelaron ao consenso de todos os grupos políticos con representación no Concello de Vilalba, con vistas a atender esta nova reivindicación veciñal “de xeito inmediato”