Vilalba Aberta volve saír ao paso das necesidades do rural. Logo dunha nova visita a Belesar, a formación municipalista vén de a anunciar o rexistro dunha iniciativa en relación coa pista que lle da acceso a un negocio de produción ecolóxica de arandos na parroquia.
Denuncian que o tramo, actualmente a terra e de arredor dun quilómetro e medio de lonxitude, provoca que, en ocasións, os transportistas se negue a recoller os envíos do produto, derivando isto en perdas por valor de 45.000€ ao perderse a produción. Dende hai máis de 10 anos, a veciña responsable vén reclamando dos sucesivos gobernos municipais que se atenda esta solicitude; mais, tal e como lamentou o voceiro da formación, Modesto Renda, “ninguén a está a escoitar.”
Renda, que contextualizou a iniciativa como “a enésima chamada de atención ao goberno en relación co estado da rede viaria municipal”, lembroulle á Alcaldesa que o apoio ao emprendemento no rural demostrase “con feitos” e non con “palabras baleiras na campaña electoral”. “Estamos a falar dun exemplo de negocio que en tempada da traballo a entre 11 e 12 persoas e que perdeu xa tres plans de mellora por culpa do desleixo municipal”, explicou.
Así, e ao tempo que agradeceu a confianza de cada vez máis veciños no Grupo Municipal de Vilalba Aberta, apelou ao consenso de todos os grupos políticos con representación no Concello, con vistas a mudar unha realidade que “debera avergoñarnos coma representantes dos vilalbeses.”