Vilalba Aberta levará as súas asembleas ás 29 Parroquias do Concello

Vilalba Aberta ven de dar un paso máis na súa aposta pola participación da xente na vida municipal. Logo de dobrar a súa representación nas pasadas eleccións municipais cun programa e cunha candidatura elaborados de xeito participativo, a formación asemblearia anunciou hoxe a posta en marcha da “Rede de Parroquias”. Unha estratexia que pretende trasladar a súa dinámica de asembleas abertas ás diferentes parroquias e barrios do Concello, co fin de coñecer de primeira man as súas necesidades e incorporalas á axenda política da corporación.

“Dende Vilalba Aberta queremos dar resposta ao que tantos veciños das parroquias nos dixeron semanas antes da celebración das Eleccións Municipais: As reunións nas parroquias, durante os catro anos e non só en campaña electoral”, apuntaba esta mañá o voceiro da formación, Modesto Renda.

Unha visión, compartida pola súa compañeira e nova concelleira de Vilalba Aberta, María Xosé Fernández, quen contextualizou a iniciativa na necesidade de cumprir co compromiso adquirido coa veciñanza nas diferentes xuntanzas nas parroquias na campaña das Municipais. “A iso nos comprometemos e iso será o que faremos: Levar as nosas asembleas ás 29 parroquias do Concello de Vilalba.”

Dende a formación anunciouse ademais a que será a primeira cita desta “Rede de Parroquias”, fixada xa para este mércores día 6, ás 21.15h, na Escola Habanera de Santaballa, e á que se lle irán sumando cunha periodicidade mensual as destinadas ás restantes parroquias de Vilalba. “Estamos a falar de encontros abertos, aos que calquera persoa pode achegarse para trasladar as súas consultas e demandas. Ademais, e como é lóxico, contarán coa presenza  dos concelleiros do Grupo Municipal e dos integrantes do Grupo de Coordinación de Vilalba Aberta.”

É por isto que animan á veciñanza das parroquias a participar, non sen antes trasladar o seu “profundo agradecemento” á directiva da Liga Santaballesa e da Asoc. Agarimo, así coma ás das  restantes AAVV das Parroquias confirmadas, por “permitiren facer posibles uns encontros, a celebrar sempre nos diferentes locais sociais das asociacións.”

Novas relacionadas

  1. Carlos Fernandez Peleteiro
    Nov 04, 2019 - 10:56 PM

    Parece me moi boa idea sempre é cando sexa parcipativa e asamblearia, e non de outro xeito

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com