Vilalba Aberta pedirá que se lle dea o nome dunha rúa do concello ao escritor recentemente falecido, Agustín Fernández Paz. A formación cre que “o máis acaído” sería retirar do rueiro vilalbés o nome da rúa Nevado de Bouza, apelido dun dos militares que se ergueron en 1936 contra a segunda República, para poñerlle a esta vía o nome do escritor.
“É unha boa ocasión para trocar o nome desa rúa e, en cumprimento da Lei de Memoria histórica, retirarlle o recoñecemento público a unha persoa cuxa conduta foi un exemplo de todo o contrario da democracia que queremos honrar e afortalar, e, de paso, lembrar para sempre a un vilalbés que foi, antes que nada, un exemplo de dignidade”, subliñan desde Vilalba Aberta.
Para a formación, Agustín Fernández Paz “é sen dúbida merecedor de que unha rúa da nosa vila leve o seu nome pola súa importantísima obra literaria, polo seu traballo renovador no eido pedagóxico , pola súa loita a prol do idioma galego e polo seu demostrado amor a Vilalba”.