Baixo título de Palestras Abertas, nacen estas xornadas que teñen como obxectivo primordial o de ofertar aos vilalbeses/as os mellores contidos sobre dos que discutir, debater e decidir en común. Para comezar estas conversas estarán este mércores en Vilalba, tres deputados de En Marea, co fin de reflexionar e afondar na situación do sector primario e sobre das posibilidades na articulación de proxectos de vida dende o rural. Pretenden, así, “responder ás inquedanzas dos veciños e facer pedagoxía, dende a corresponsabilidade e a través da concepción bidirecional, dunha nova forma de entender a acción política e municipal, máis transparente, aberta, democrática e eficaz”.
Neste senso fan un chamamento á participación na que será esta palestra inaugural á que asistirán o Coordinador Nacional de ANOVA, Antón Sánchez; a Deputada de En Marea responsable de Medio Rural no Parlamento e militante de Podemos, Paula Quinteiro; e Davide Rodríguez, bombeiro forestal e cooperativista, ademais de Deputado.