Por terceiro ano consecutivo Vilalba Aberta apoia a celebración do Día Internacional do Orgullo LGBTI. Para esta nova edición Vilalba Aberta agarda que a vila chairega volva saír á rúa para apoiar este movemento.
A nova convocatoria (mércores 3 de Xullo, dende as 20h na Alameda) busca sumar á veciñanza de Vilalba á ola de reivindicacións do colectivo nas diferentes cidades do conxunto do Estado, pola vía dun primeiro debate aberto moderado por María Pérez Iravedra e no que participarán a directora de cine, artista audiovisual e activista LGTBI, Carmen Granxeiro; o coruñés e membro do Observatorio contra a LGTBIfobia, Pablo Zas, e o membro da Asociación pola Liberdade Afectivo Sexual (ALAS), Jesús García Crespo.
A música e a festa darán continuidade a unha xornada de “reivindicación e ledicia”, que rematará coa lectura dun manifesto a cargo estudante e veciño de Vilalba, Alfonso Bermúdez Prado.
“Pretendemos confluír coa veciñanza na defensa das e dos que non poden expresar a súa sexualidade con liberdade”, declarou a concelleira da formación, María Xosé Fernández.
Na mesma liña se pronunciou o voceiro da formación, Modesto Renda, destacando a importancia da visibilidade, pois “ningunha sociedade pode ser considerada coma democrática e plural se se manteñen ou alimentan situacións de exclusión e de rexeitamento cara a unha parte dos seus membros”
É por isto que chaman á participación nunha xornada que levará á Alameda de Vilalba a visibilidade e a reivindicación dun festexo, ata o de agora, reducido ás celebracións das grandes vilas e cidades.
Xul 04, 2019 - 01:02 AM
Sin Fraga….