Vilalba Aberta propón reubicar aos comerciantes da rúa Calvario na parte desocupada do Campo da Feira

Vilalba Aberta trasladará á corporación municipal, no Pleno do vindeiro xoves, a total desconformidade dos comerciantes da Rúa do Calvario coa decisión que, a través da Concellería de Feiras e Mercados, pretende levar a cabo o Concello de Vilalba, relativa ao cambio de localización de ao menos unha quincena de postos da Feira local. Un sentir, extensivo ao da totalidade dos vendedores/as ambulantes que feira tras feira colocan os seus expositores á súa marxe esquerda e que, coincidido coa mensual do día 7, pasarán de xeito definitivo a instalarse na Praza da Constitución.

Dende a formación asemblearia aseguran compartir o obxectivo do traslado, isto é: aliviar un pouco a rúa e deixala con máis espazo para un mellor tránsito no caso de que se produzan emerxencias. Mais, a este respecto, e tal e como se preguntaba hoxe o seu Concelleiro e edil, Modesto Renda, “non resultaría máis lóxico que a solución a esta problemática pasara pola reubicación dos postos no espazo máis desaproveita do Recinto Feiral? A nosa opinión é que si” – continuou -, “deixando a un lado a inexistencia de precedentes nos cales se procedera á división dunha feira nun Concello que conta para a súa celebración cun campo específico; a reubicación dos expositores nunha zona na que – sen ir máis lonxe – dous dos seus tres cobertizos construídos se atopan en total desuso, daría pé a unha solución que, sendo totalmente acorde coa concepción orixinaria do Recinto, redundaría positivamente nos intereses de comerciantes, vendedores, así coma tamén nos do conxunto dunha veciñanza e visitantes, cuxa comodidade estaría asegurada de se revitalizar o percorrido primixenio que se pensou no momento mesmo do deseño e posterior construción dunha localización que, entre todas/os, temos o deber de preservar.”

Neste senso a iniciativa, a fin de que o Concello de Vilalba rectifique na súa decisión de trasladar ao menos 15 postos á localización da Praza da Constitución e proceda á recolocación destes expositores no espazo actualmente en desuso do Recinto Feiral Municipal, respectando a concepción orixinal do mesmo e evitando así o esmorecemento dunha zona, outrora punteira para o comercio de Vilalba e a súa contorna. Ademais, a formación asemblearia esixirá do Goberno Municipal que faga público o Plano coa relación actual de postos/zonas ocupadas do conxunto do Recinto.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com