Vilalba Aberta propón un acordo coa Asociación de criadores para “salvar” a Feira do Capón

Vilalba Aberta saía hoxe ao paso da preocupación existente entre a veciñanza, relativa ao futuro do día grande dun dos produtos estrela do Concello, isto é: a celebración da tradicional Feira do Capón. Unha data, outrora marcada con letras de ouro no calendario de veciños e visitantes, e que nos últimos anos está a ser foco de innumerables críticas, froito do limitado de unidades á venda en exposición.

A realidade, confirmada o pasado venres polo xerente de Asociación de Criadores, revelou que en menos de dúas horas se venderan todos os exemplares que entraron no recinto. “Pouco máis de 200”, lembran dende Vilalba Aberta, pois moitos dos animais censados foron vendidos nos días previos á feira nas propias casas dos arredor de sesenta criadores.

Neste senso, o chamamento da formación a unha “reflexión tranquila” que parta do “absoluto respecto ao papel e á opinión dos criadores”, e que procure un “acordo de mínimos que faga compatible a seguridade económica dos mesmos coa revitalización da maltratada feira”. Un cambio, que para Vilalba Aberta representaría un “verdadeiro impulso, tamén, para o conxunto do comercio”, ao tempo que botaría abaixo o actual “risco de desprestixio” no que pode chegar a caer a “marca” e que, “iso si, repercutiría negativamente tanto nos intereses dos criadores coma nos do conxunto de comerciantes e veciños.”

É por isto, que veñen de rexistrar no Concello unha nova iniciativa, a debater no vindeiro Pleno Ordinario de Xaneiro e que, agardan, culmine nun “acordo de consenso” que preceda a unha “análise profunda entre os representantes municipais e o conxunto dos criadores.”

A este respecto, dende Vilalba Aberta introducen xa varios elementos para o necesario debate, entre os que destacan “o retraso da apertura da feira para as 11:00 horas” e a posibilidade de “fixar un número determinado de pares por criador, destinados a venda exclusiva en exposición”. “Hai moitos anos era obrigatorio levar os capóns á feira para poñerlles o distintivo” lembraba esta mañá o  membro da formación, Francisco Xosé Roca. Unha idea, latente tamén na proposta marco que defenderán, e que apunta á posibilidade de controlar a crianza cun número de pares e a non entregar a antedita chapa de no acudir o criador/a á Feira.

Na mesma liña se pronunciaba a que fora a número 5 da formación nas pasadas municipais, María Xosé Lamas, contextualizando a iniciativa de Vilalba Aberta “na necesidade de lle devolver á feira o seu antigo carácter.” Unha opinión, compartida polo que será o encargado de a trasladar na vindeira sesión da corporación, o edil da formación Modesto Renda, lembrando que a finalidade última deste paso adiante de Vilalba Aberta non é outra que a da posta en marcha de “solucións colectivas” pola vía do “profundo respecto e atención” a “todas e cada unha das opinións dos sectores implicados”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com