A asemblea de Vilalba Aberta, ven de facer público que solicitará no Concello o expediente de contratación do servizo do Parque Acuático, a fin de analizar polo miúdo se se está a cumprir cos requisitos establecidos pola lei para a apertura ao público deste tipo de instalacións en materia de seguridade.
A formación asemblearia recolle deste xeito as continuadas queixas de varios pais e nais, logo de se teren producido contratempos que, coma o acontecido na pasada semana, remataron cunha menor en urxencias.
Unha dinámica que, tal e como lembran dende a asemblea veciñal, se repite ano tras ano sen que nin o Goberno Municipal nin a adxudicataria de quenda se pronuncien ao respecto.
Modesto Renda voceiro de Vilalba Aberta, declarou que, “o papel da oposición diante dunha cuestión da gravidade e a vergoña que se reflicte da existencia de partes de lesións en menores logo de teren os pais e nais que facer fronte ao pagamento dunha entrada xa de por si abusiva, é fundamental”.
Renda lamenta que “en 2014 PP e PSOE votaran xuntos para evitar que o Concello asumira a xestión directa tanto da piscina coma das instalacións do parque acuático, xerme da actual situación:”
O voceiro da plataforma “non descarta propoñer diante o Pleno a creación dunha comisión de seguimento das contratas municipais a fin de evitar o estado de desgoberno absoluto ao que a xestión do Goberno Municipal ten sumido ao consistorio vilalbés”.