Vilalba Aberta recurrirá á xustiza se o alcalde non entrega a documentación da nave de Sancovade

A asemblea de Vilalba Aberta ven de emitir unha resolución de urxencia, en consecuencia á total ausencia de resposta por parte do Goberno Municipal da capital da Terra Chá á solicitude que, hai aproximadamente un mes, a formación esixía por rexistro en relación á nave/desguace de Sancovade e na que se requiría por escrito a entrega de todo canto no último ano entrou e saíu do consistorio relativo á citada propiedade.

Denuncian “a vulneración do dereito á fiscalización política”, posto que o dereito de acceso á  información dun concelleiro e no marco dunha investigación é significativamente superior ao de calquera outro cidadán, non debéndose aplicar a lei de transparencia, se non a xurisprudencia na materia. Unha reivindicación, explican, que atopa fundamento no artigo 23 da CE, relativo ao acceso á información e participación política e no cal se recoñece “o dereito do demandante ao acceso á copia da documentación solicitada sen restrición por razón de non atoparse en expediente normalizado”.

Na mesma liña se pronunciaba hoxe o seu voceiro e edil, Modesto Renda, quen acusou a Baamonde de estar a incorrer nun delito de prevaricación en base ao incumprimento, tamén, da Lei de Bases de Réxime Local, que no seu artigo 77 insta aos alcaldes a entregar os documentos e datos solicitados polos edís nun prazo non superior a 5 días.

É por isto, advirte, que acudirán “de facto” aos xulgados de non recibilos na súa totalidade nun prazo de 5 días, co fin de que “sexan as resolucións xudiciais e maila imputación de Baamonde, as que desbloqueen a parálise provocada polos intereses opacos do PP de Vilalba de ocultar e atrasar ao máximo a investigación sobre as actividades empresarias na nave”, sentenciou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com