Dous meses e medio despois de que Vilalba Aberta e PSOE asinaran un acordo político para o financiamento dun programa de axudas directas a autónomos e empresas; a formación municipalista viuse na obriga de saír ao paso ao respecto do que cualifican de “inxustificable incumprimento do pactado”.
Así o expuxo o seu voceiro municipal, Modesto Renda, quen definiu de “inaceptable” que o goberno do partido socialista teña as bases reguladoras “aínda sen publicar.” Para Renda, no relativo ás axudas a autónomos “chove sobre mollado”, pois – explicou – “dende Maio de 2020, con Vilalba Aberta aínda dentro do goberno, o PSOE leva perdendo un tempo que para os autónomos e empresas é absolutamente decisivo” no actual contexto de crise económica provocada pola Covid.
“Ao Goberno fixémoslle o traballo e, unha vez consignado o crédito, só tiña que que dar inicio ao expediente” denunciou, ao respecto do ano e medio de iniciativas de VA en relación coas axudas e ao acordo político subscrito o pasado 4 de Agosto. Neste senso, urxiu á Alcaldesa a facer efectiva “con carácter inmediato” a pactada incorporación dun total de 350.000€ procedentes do remanente municipal, toda vez que a liquidación do orzamento correspondente ao ano 2020 “está tamén aprobada.”
“Asinamos un acordo co compromiso de que as axudas chegaran o antes posible á conta corrente dos nosos autónomos e Pemes e nin a ineficacia manifesta do goberno, nin a súa completa desorganización na xestión interna do Concello pode ser escusa para incumprilo”, remarcou.