O equipo de goberno vilalbés programa neste mes de novembro sesións sobre a igualdade de xénero para os distintos centros educativos da localidade. Con esta iniciativa que parte da Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller, pretenden contribuír á loita contra a violencia de xénero desde todas as etapas da ensinanza, entendendo que a educación é un piar fundamental para a transformación social cara unha sociedade más igualitaria e libre de violencias contra nenas e mulleres.
A primeira das sesións tivo lugar hoxe no IES Santiago Basanta Silva a cargo de Towanda Rebels para o alumnado de 4o da ESO e 1o de BAC. A charla versou sobre a prevención da violencia sexual, cultura da violación e estereotipos de xénero nas relacións entre rapazas e rapaces. Towanda Rebels é unha canle de comunicación feminista formada pola actriz e xornalista Teresa Lozano e a tamén actriz e humanista Zúa Méndez. Ámbalas dúas son comunicadoras e gran parte do seu traballo xira entorno á explicación das causas sobre a violencia machista e a mercantilización dos corpos das mulleres. Teñen lanzado varias campañas en Redes Sociais que conseguiron viralizarse no estado, como o #YoTeCreo, en apoio á vítima da manada.
Neste conxunto de sesións formativas, a compañía TrinkeTrinke levará á Escola Infantil de Vilalba e aos colexios unitarios de Moreda e Román o contacontos “Os ratos e ratiñas de Lonxedetodo aprenden a querer” para traballar os vínculos afectivos e as relacións cos demais. Será entre os vindeiros 25 e 28 de novembro para nenas e nenos de 3 a 8 anos.
Neste senso, una boa saúde afectiva é básica para o benestar e o desenvolvemento das persoas; tamén é importante para previr comportamentos violentos e para saber detectar relacións insás. Traballarase sobre a autoestima, base da saúde afectiva, e incidirase nun xeito de querer de saudable.
Por último, o alumnado de 1o a 4o de primaria dos Ceip acudirán o 3 de decembro ao Auditorio Municipal para ver a obra “Arturo y Clementina”, de Titiritrán Teatro. Hai máis de 30 anos, a historiadora da arte e escritora Adela Turin comenzou a publicar en Italia Dalla parte delle bambine, que ao pouco foi editada en España baixo o título A favor de las niñas. Converteuse nunha serie de referencia para a educación en igualdade e foi traducida a varios idiomas. Arturo y Clementina, parte desta colección, é se cadra un dos seus contos máis recoñecidos a nivel mundial. A compañía andaluza Titirutrán Teatro fai esta adaptación, chegando a recibir, entre outros galardóns, o Premio Especial de FETEN 2016 pola súa sensibilidade ao abordar o tema da violencia psicolóxica e pola súa posta en escea músico-teatral a seis mans, así como a Mención de Honor pola súa calidade como espectáculo infantil da Feria de Teatro en el Sur 2016.