“Poñemos sobre o escenario moito do que Antonio Fraguas nos deixou sobre o noso pasado, sobre os costumes do noso país, sobre as nosas festas, e propoñémolo coma unha ferramenta para construír o futuro”. Así explican dende a productora Queiman e Pousa o espectáculo Amantes da Terra. Concibido coma un espectáculo contemporáneo para homenaxear ao intelectual galego ao que se lle adica este ano o Día das Letras Galegas, Amantes da Terra estréase este sábado 4 de maio en Vilalba (21.00 horas, Auditorio Carmen Estévez).
Música tradicional, baile, audiovisuais ou poesía son algúns dos elementos cos que Queiman e Pousa construíron un espectáculo que protagonizan 130 artistas procedentes de dúas corais, unha banda de música e unha asociación cultural. Trátase da Banda de Música Unión de Lantaño (Portas, Pontevedra), as voces da Coral Vales Mahía (Bandeira) e a Coral San Salvador de Camanzo (Vila de Cruces), e mais o grupo de gaitas e baile da Asociación Cultural Foula de Cerdedo-Cotobade, o municipio pontevedrés no que naceu Antonio Fraguas.
O autor homeaxeado en 2019 co gallo das Letras Galegas, Antonio Fraguas (1905-1999), adicou a súa vida a estudar Galicia, a súa historia, ou a vida das súas xentes, dende perspectivas tan diferentes coma a etnografía, a antropoloxía ou a xeografía. Os seus estudos sobre o entroido galego, por exemplo, son fundamentais para entendérmonos esa festa en Galicia. “Por iso o entroido é tan importante neste espectáculo e por iso incorporamos danzas de entroido sobre o escenario”, explican Queiman e Pousa.
Investigación
Para desenvolver Amantes da Terra, os seus creadores contaron co apoio de investigadoras, veciños, amigos e institucións fondamente coñecedoras de Fraguas a a súa obra. É o caso da escritora e profesora Malores Villanueva, de Cerdedo-Cotobade e estudosa do traballo do intelectual homenaxeado. E tamén foi fundamental a achega da Fundación Otero Pedrayo.
Este traballo de investigación é a base dun documental sobre Antonio Fraguas de dez minutos de duración, creado ao abeiro do proxecto ‘Amantes da Terra’ e que se proxecta ao inicio do esepectáculo. Logo da proxección, comeza sobre o estaribel a festa da palabra, da música, do baile… unha proposta de gran formato con máis de 130 persoas sobre o escenario.
Amantes da Terra chega a Vilalba promovido pola Xunta de Galicia e o Concello de Vilalba e producido pola empresa Queiman e Pousa.