O Concello de Vilalba anuncia a convocatoria do III Concurso de Escaparates de Nadal en Vilalba. Este certame está organizado pola concellería Comercio, co obxectivo de promover e dar visibilidade aos negocios da localidade creando un ambiente propio das Festas do Nadal.
“A decoración e a iluminación de Nadal impulsan as compras, polo que queremos embelecer Vilalba nestas festas apoiando ao comercio local á vez que motivamos á cidadanía a mercar nos establecementos de proximidade nestas datas tan sinaladas”, subliña Marta Rouco, concelleira de Políticas Sociais e Réxime Interno e Comercio.
Poderán participar no concurso todos aqueles locais comerciais situados na localidade de Vilalba, independentemente do produto que oferten ao consumidor.
Os comercios deberán decorarse con motivos propios das Festas do Nadal, en combinación cos produtos do establecemento. Os escaparates deberán permanecer decorados entre o 13 de decembro e o 6 de xaneiro. O xurado do certame poderá facer visitas sen previo aviso, polo que cómpre que os locais manteñan a decoración e a iluminación en todo ese período.
Os criterios para valorar cada escaparate serán, puntuados de 0 a 5 puntos, a orixinalidade e a complexidade, a artesanía, a creatividade, o deseño e a calidade, o atractivo comercial e a decoración acorde ao produto de venda.
O xurado determinará os tres mellores escaparates, recibindo un premio de 600 euros no caso do primeiro clasificado, de 400 euros no caso do segundo e de 300 euros para o terceiro. Ademais, concederase un premio de 100 euros para o escaparate máis votado nas redes sociais, compatible co resto de premios.
Os comerciantes interesados en participar, deberán inscribirse enviando un correo electrónico a comercio@vilalba.es antes das 14:00 horas do día 13 de decembro. Nese mesmo correo, indicarán os datos do comercio e achegarán unha foto do escaparate para subilo ás redes sociais.