O Concello de Vilalba informa da convocatoria dunha praza de técnico/a de turismo por un período de nove meses con xornada a tempo completo. A convocatoria desta praza está vinculada ao Plan Único da Deputación de Lugo, baixo o seu “Programa de Fomento do Emprego 2021”.
As solicitudes para cubrir esta praza deberán de presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Vilalba ou nos lugares previstos a tal fin. Ditas solicitudes presentaranse nun prazo de 5 días naturais dende o día seguinte ao da súa publicación no BOP, é dicir, ata o luns 20 de decembro de 2021.
A praza está adscrita ao departamento de Turismo e Comercio de Vilalba e adxudicarase por sistema de concurso-oposición libre. Valorarase a experiencia profesional, así como a formación dos candidatos, e realizarase unha fase de oposición con probas de capacidade e aptitudes.
As bases desta convocatoria están dispoñibles no Boletín Oficial da Provincia de Lugo do día de onte, 14 de decembro de 2021.