O Concello de Vilalba anuncia os traballos de acondicionamento do pavimento que da acceso ao barrio de Uceira-Goiriz. Os traballos realizaranse no vial municipal que atravesa en dirección norte as parroquias de Sancobade e Goiriz, incluído o barrio de A Uceira, dende a estrada LU-120.
Esta vía é o percorrido natural da veciñanza destes núcleos de poboación, en dirección ás principais vías de comunicación cara o centro urbán de Vilalba, principal punto económico e comercial da zona. Doutra banda, esta vía soporta unha importante densidade de tráfico lixeiro e pesado, debido ás explotación gandeiras e agrícolas da zona así como ós vehículos de transporte destinados á explotación madereira. Este fluxo de tráfico e mais o paso do tempo provocaron o deterioro do pavimento actual, existindo zonas con deformacións e puntos onde o pavimento desapareceu.
As obras contan cun orzamento de 48.369 euros e un período de execución dun mes. Os traballos enmárcanse no Plan Único da Deputación de Lugo. Para a mellora e mantemento desta vía, proponse a limpeza de noiros, regularizar a súa superficie e executar unha nova capa de aglomerado. Ademais procederase á súa sinalización horizontal e vertical e habilitarase a cota dos pozos de reixstro existentes no seu percorrido.
“O estado desta vía provoca que o seu acondicionamento sexa urxente, para evitar que continúe deteriorándose e garantir así a seguridade viaria da veciñanza destas parroquias”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.