Ante a situación epidemiolóxica que estamos a vivir desde o pasado mes de marzo por mor da pandemia da Covid-19, o Concello de Vilalba e a Asociación de Queixeiros de San Simón da Costa decidiu suspender a tradicional Feira do Queixo de Vilalba no seu formato presencial habitual.
Como consecuencia das flutuacións e impacto desta pandemia na saúde da poboación, con distintos gromos ao longo deste ano, especialmente desde o mes de novembro en Vilalba, ambas entidades veñen de tomar esta difícil decisión. “Durante os últimos meses seguiuse con moita incerteza a evolución da pandemia, acordando entre a Concellería de Feiras e Mercados e a Asociación de Queixeiros agardar para tomar unha decisión en firme”, explican. Ante a evolución dos últimos acontecementos, os expertos poñen no punto de mira a Semana Santa, data na que se realizaría a feira, de xeito que a celebración da mesma pode supoñer un fomento da mobilidade pouco aconsellable.
Por outra banda, ao tratarse dunha feira gastronómica, garantir o estrito cumprimento das medidas de seguridade nas habituais catas dos produtos convértese nun punto practicamente imposible de controlar. Neste senso, calquera outro formato desvirtuaría a feira por completo baixo o criterio dos queixeiros e do concello.
Ante esta situación, realizaranse distintas accións que non requiran presencialidade nin posibles aglomeracións, levando a promoción deste exquisito produto ao eido virtual e divulgativo. O queixo de San Simón ocupa un lugar insubstituíble na gastronomía local, polo que se centrarán todos os esforzos en continuar dando pulo a este manxar, agardando que no 2022 se retome a tradicional feira.