O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, leva varios días soando como posible candidato á presidencia do PP de Lugo, pero a día de hoxe segue sen confirmalo nin desmentilo. O que si afirmou con rotundidade é estar “seguro ao 100% de que haberá algunha candidatura máis”, e lembra que o que fai falta é “tempo”, aínda que os prazos son moi curtos. Pouco máis dunha semana terán os militantes que queiran dar un paso adiante para conseguir os 75 avais necesarios dende que onte José Manuel Barreiro deixase libre a presidencia do partido despois de 14 anos ao mando.
A que si presentou a súa candidatura foi a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, que esta mesma tarde compareceu ante os medios xunto ao número 2 da lista, o subdelegado do Goberno en funcións, Ramón Carballo. Un feito que para Villares “é significativo” xa que “antes de que pasasen 24 horas dende que Barreiro renunciase estes compañeiros xa teñen presentada a súa candidatura” e engadiu a importancia de que “haxa persoas, afiliados, que queiran traballar polo partido”. Uns compañeiros, Candia e Carballo, “que todos os do PP coñecemos, pola amizade pero tamén porque forman parte da xunta directiva que estivo presidindo o partido ata o de agora”.
En canto á escasa marxe de tempo para formar equipo, o alcalde de Cervo e tamén vicepresidente da Fegamp lembra que o pasado venres, na reunión da xunta directiva, el mesmo lle pedira ao portavoz do PP no Senado “que se non ía seguir o dixese canto antes, porque a súa decisión ía supeditar a que se presentase máis xente”. De feito Villares xa dixera a semana pasada que “presentándose Barreiro ninguén ía discutir o seu liderado, e mentres se mantivese esa dúbida ninguén ía dar o paso”. “A partir de agora corre o tempo para decidir e ver se hai máis xente animada a presentar máis candidaturas”, remata o rexedor cervense.