“Unha vez máis, a covardia e o escapismo caracterizan a actitude do Goberno galego, sen dar a cara diante dunhas cifras históricas en tempo récord”.O voceiro de En Marea Luís Villares valorou así o comunicado deste venres no que a Xunta elevaba a 49 mil as hectáreas queimadas durante o Domingo Negro da vaga de lumes.
O voceiro de En Marea que participa este sábado da celebración Festa da Castaña do Courel, tras visitar unha explotación de gando ovino e caprino no concello de Samos e percorrer algunhas das parroquias deste municipio lugués máis afectadas pola vaga de lumes, tamén sinalou a “incompetencia histórica do PP durante un tempo que xa se fai demasiado longo”. E criticou duramente o bloque dos populares a crear unha Comisión de Estudo parlamentaria para analizar as causas dos incendios e determinar posibles solucións.
Para Luís Villares, que leva percorrendo nas últimas semanas as zonas máis castigadas polos incendios, o que aconteceu “non é unha circunstancia excepcional e estamos chamados a repetir esto se non correximos as políticas” e amosouse convencido da necesidade de contar con expertos independentes para “saber que falou e propoñer novas políticas no ambito forestal, agrogandeiro para un rural vivo e para a ordenación do territorio”.
Luís Villares tamén fixo referencia no transcurso das súas declaracións en Seoane do Courel ao “inimigo exterior” que buscou Feijóo na suposta trama do terrorismo incendiario “que nin a policía xudicial nin a Fiscalía ven por ningures” e que para o voceiro de En Marea só foi unha coartada empregada para evitar facerse responsable da súa incompetencia.